Comeza a tempada de magostos en Poio, que reúne once citas ata mediados de mes

31/10/2024

Ángel Moldes destaca “a implicación de todo o tecido asociativo local por manter viva unha tradición con moito arraigo en Poio”.

Comeza a tempada de magostos en Poio. Ata mediados de novembro, poderase disfrutar de ata once magostos nas diferentes parroquias e lugares do municipio. Esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentaron os magostos acompañados por representantes dos colectivos que impulsan estas citas, coas que colabora o Concello de Poio. Moldes destacou “a implicación de todo o tecido asociativo local por manter viva unha tradición con moito arraigo en Poio” e, recordou, que este ano por primeira vez Poio conta cunha liña de axudas específica destinada a apoiar a realización de magostos.

Repartiranse preto de 1.000 quilogramos de castañas asadas nas diferentes citas, que comezan este sábado, 2 de novembro, en Campelo (Praza da Granxa, 20.00 horas) e Combarro (Praza de San Roque, 18.00 horas), organizadas pola Asociación de Veciños de Campelo e polo Ateneo Corredoira respectivamente. O domingo 3 a cita será en Lourido, no parque Costa Xiráldez (18.00 horas), organizado pola AVCD Lourido.

O venres 8 celebrarase o tradicional Magosto da Casa Rosada, organizado polo Concello de Poio e destinado para as persoas maiores que participan nas actividades organizadas por Benestar Social, mentres que as citas en Raxó e O Sartal serán o sábado 9. No primeiro caso, organizado pola Comisión de Festas de Raxó, organizarase no Centro Cultural Xaime Illa (20.00 horas) e, no segundo, será no Espazo Municipal do Sartal e estará organizado pola ACV Ronsel (19.00 horas).

A Festa da Castaña, impulsada pola AC Gaiteiro Manuel Villanueva en San Martiño, será o domingo 10, a partir das 20.00 horas na Praza da Capela. Ese mesmo día tamén celebrará o seu magosto a SCD Samieira, na Comunidade de Montes Río Bois ás 18.00 horas.

O sábado 16 de novembro será a quenda de San Salvador (20.00 horas), organizada pola AC Divino Salvador; Vilariño (20.00 horas), impulsada polos veciños do lugar; e da Seca (20.00 horas), pola AAVV Boureante.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio