Ángel Moldes destaca “a implicación de todo o tecido asociativo local por manter viva unha tradición con moito arraigo no concello”.
Arrinca a tempada de magostos en Poio. Desde esta fin de semana e ata mediados de novembro, veciños e visitantes poderán gozar de dez celebracións repartidas por todas as parroquias e lugares do municipio, impulsadas por colectivos locais coa colaboración do Concello de Poio.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, mantiveron un encontro cos representantes das entidades organizadoras, e destacaron “a implicación de todo o tecido asociativo local por manter viva unha tradición con moito arraigo no municipio” e lembraron que o Concello dispón dunha liña específica de axudas para apoiar a organización destes eventos.
En total, repartiranse preto de 1.000 quilos de castañas asadas ao longo das diferentes citas, que comezarán este sábado, 25 de outubro, en Lourido (Parque Costa Xiráldez, 20.00 h), organizada pola asociación de veciños.
O 1 de novembro será a quenda de Campelo (Praza da Granxa, 20.30 h), tamén coa colaboración da asociación veciñal. O tradicional magosto da Casa Rosada, promovido polo Concello e destinado ás persoas maiores do municipio, celebrarase o venres 7 de novembro ás 17.30 h.
O sábado 8, haberá dobre cita: en Combarro (Rualeira, 18.00 h), organizado polo Ateneo Corredoira, e en Raxó (Centro Cultural Xaime Illa, 20.00 h), coa colaboración da Comisión de Festas de Raxó.
A Festa da Castaña, impulsada pola AC Gaiteiro Manuel Villanueva en San Martiño, terá lugar o luns 10 de novembro na Praza da Capela (20.00 h).
O sábado 15 será queda do Sartal (19.30 h), coa ACV Ronsel, e de Vilariño (20.00 h), organizada polos veciños da zona.
A SCD de Samieira celebrará o seu magosto o domingo 16 de novembro na Comunidade de Montes Río de Bois (18.00 h), e a tempada pecharase o sábado 22 na Seca (20.00 h), cun magosto organizado pola AAVV Boureante.