Combarro engalánase para celebrar o Día de Colón, o venres 10 e sábado 11

07/05/2024

Nunha contorna inmellorable, coas rúas decoradas para retroceder ata o Medievo, a programación inclúe mercado artesanal, animación nas rúas durante todo o día, teatro e bailes medievais, concertos, tiro con arco e esgrima antiga, xusta medieval…

Combarro prepárase para acoller este venres e sábado, 10 e 11 de maio, a celebración da décima edición do Día de Colón. Nunha contorna inmellorable, coas rúas decoradas para retroceder ata o Medievo, o Concello de Poio, coa colaboración das asociacións Combrus, Vides Novas e Leucoíña, ten en marcha unha extensa programación lúdica e festiva para toda a familia: mercado artesanal, animación nas rúas durante todo o día, teatro e bailes medievais, concertos, tiro con arco e esgrima antiga, xusta medieval…

O alcalde, Ángel Moldes, animou a visitantes e veciños a gozar de toda a programación, e recordou que o Día de Colón sempre contou cun grande éxito de participación tanto os propios días, como nos preparativos: establecementos, veciños e colectivos están totalmente involucrados na festa, decorando as súas casas e negocios, ensaiando os bailes medievais, e perfectamente ataviados coas súas roupas.

A décima edición da festa presentouse na sede de Turismo Rías Baixas, da man do presidente provincial, Luis López, que enumerou os principais atractivos desta celebración que cumpre dez anos. “Celébrase nun lugar de luxo como Combarro, dos máis fermosos do mundo; celébrase mirando ao mar, ese gran atractivo que identifica e define o noso destino; e celébrase en compañía da nosa xente, chegados de moitos puntos da nosa provincia”, afirmou o presidente.

Ademais, a través desta festa levan xa dez anos conmemorando que o navegante máis famoso do mundo era da nosa provincia, de Poio e de Portosanto; unha década fomentando a nosa historia e cultura mariñeira; e unha década exaltando a nosa cultura, o noso medio natural, a gastronomía e estilo de vida.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio