A programación inclúe actuacións infantís, sesións vermú con foodtruks e música en directo, certame de Canción Mariñeira e encontro de embarcacións tradicionais.
Catro días de festa en Combarro, desde mañá xoves ata o domingo, para render homenaxe á cultura mariñeira. O Concello de Poio inaugura, ás 12.00 horas, unha nova edición dunha celebración que quere converterse nun escaparate do sector do mar, poñendo en valor o legado cultural vencellado ao mar e visibilizar o papel estratéxico que ten no desenvolvemento económico e social do municipio. Contará coa asistencia do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; e do Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial.
A programación, que dá protagonismo absoluto ao mar, inclúe propostas destinadas para todas as idades e todos os públicos, con gastronomía, tradición, música, exposicións e actividades infantís. Estrutúrase en tres bloques na Praza da Chousa. O primeiro, o gastronómico, coa degustación de produtos do mar nas foodtrucks Galicia sabe Amar, da Consellería do Mar, e con actuacións musicais durante a sesión vermú entre o venres e o domingo, ás 13.30 horas, e todas as persoas que decidan quedarse a comer ou cear poderán facelo nalgún dos máis de vinte locais de hostalería que hai nesta parroquia, onde poden consumir produtos do mar da máxima calidade.
O segundo centrarase na carpa museo, onde poderán visitarse exposicións sobre a cultura mariñeira. Como novidade, inclúese diariamente o ciclo de Cine do Mar, con proxeccións diarias ás 12.30 horas. En colaboración con Culturmar exporase a mostra fotográfica “No centro do Mar», do autor Eduardo Rivo, con motivos mariñeiros e embarcacións tradicionais galegas. En colaboración con Opmega e co Consello Regulador do Mexillón de Galicia, colocaranse dúas maquetas de bateas, e tamén repetirase colaboración co Museo do Mar de Galicia, para que veciños e visitantes poidan ver en Combarro unha selección das súas pezas: maquetas de barco, utensilios de pesca e, nesta edición, unha sección especial sobre salvamento e telecomunicacións. Por último tamén poderase visitar unha exposición de fotografía antiga, seleccionada pola asociación Ateneo Corredoira de Combarro.
E o terceiro eixo da programación son as embarcacións tradicionais, con encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa, que contará coa participación de máis de trinta participantes.
PROPOSTAS PARA PÚBLICO INFANTIL, CANCIÓN MARIÑEIRA E CONCERTOS GRATUÍTOS
A música tamén supón unha parte importante para a programación da Festa do Mar con concertos gratuítos para todos os públicos. Mañá, xoves 28, inaugurará os concertos La Ocaband co seu musical “A historia da verbena”, ás 21.00 horas, e posteriormente será quenda do Grupo América. O venres será quenda de Miss Caffeína, banda de pop electrónico alternativo, con directos moi enérxicos que se converteron en indispensables no calendario dos festivais máis importantes do país (23.30 horas). Un concerto que se completará coa sesión do DJ Jorge Álvarez.
Xa o sábado, Natalia e Coti subirán ao escenario da Praza da Chousa, (desde as 22.45 horas) onde tamén actuará o DJ local Arroww ao inicio e final da gala. Coñecida polo seu paso por Operación Triunfo e cunha carreira chea de éxitos: 5 discos, 2 de ouro, 1 de platino e máis de 500.000 copias vendidas, Natalia traerá a Combarro clásicos como “Vas a volverme loca”, “Besa mi piel” ou “Loco por mí” e temas máis actuais que farán vibrar ao público. Pola súa banda, o cantautor arxentino Coti, recoñecido a nivel internacional por temas como “Antes de ver el sol”, “Nada fue un error” ou “Otra vez”, incluirá Poio como unha das paradas na súa xira europea, que o levará tamén por cidades como Londres, Dublín e Ámsterdam. O domingo será quenda do espectáculo musical Pop Rock Symphony Fusion (22.00 horas).
Para o público infantil tamén se inclúen propostas como o espectáculo Os Piñeiriños, o xoves ás 20.00 horas, ou sesión de maxia con Samuel Moreno, o sábado ás 19.30 horas.
O certame de Música Mariñeira celebrarase do venres ao domingo pola tarde, coas actuacións de Son das Corbacerias, Adelaidas, Os Chispas do Lérez, Pontis Veteris, As Abeleiras, ademais das actuacións de Máis Cantos e Vides Novas.