O alcalde Ángel Moldes destaca a capacidade do turismo náutico para avanzar na internacionalización e diversificación, co Porto Deportivo de Combarro líder da provincia en tránsitos, a metade de orixe estranxeira.
Combarro acolle desde este sábado o Encontro Náutico anual do Irish Cruising Club (ICC). Un total de 26 embarcacións deste país participan na novena edición deste encontro, con preto de cen tripulantes que foron arribando á marina combarresa nos últimos días.
Na xornada inaugural, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, deu a benvida á comitiva irlandesa cunha recepción oficial na que destacou a profunda tradición mariñeira de Poio e agradeceu a elección de Combarro para esta cita: “Aquí sempre atoparedes un porto seguro, bo vento e boa mar”. No acto tamén interviron o capitán do Porto Deportivo, Manuel Martínez, e o Comodoro do Irish Cruisig Club, Peter Haden. Ao remate, Moldes entregou unha placa conmemorativa en recordo da visita e os presentes degustaron un viño galego.
Desde o Goberno local destacan a capacidade do turismo náutico para avanzar na internacionalización e a diversificación do destino. Nese sentido, recordan que o Porto Deportivo de Combarro é líder da provincia en tránsitos, con máis de 600 embarcacións, a metade de orixe estranxeira.
Peter Haden, en representación do ICC, enxalzou as instalacións do Porto Deportivo e agradeceu o esforzo organizativo desenvolvido polo Capitán Martínez e o seu equipo para facer realidade este encontro. Haden recoñeceu tamén as facilidades proporcionadas polo Concello, e explicou que para varios dos participantes, Poio é xa un segundo fogar, xa que teñen o seu veleiro amarrado en Combarro durante todo o ano, pasan aquí as vacacións e desprázanse en avión a Irlanda ao remate do período estival.
O Irish Cruising Club, fundado en 1929, é o maior e máis antigo club náutico de Irlanda, con máis de 500 membros. Esta é a IX edición do seu Encontro Náutico Anual, desde que en 2017 celebrasen a primeira xuntanza no Real Club Náutico de Portosín.
O Encontro prolongarase ata o vindeiro xoves e inclúe un completo programa de actividades que permitirán aos participantes coñecer mellor o concello de Poio e súa contorna. Ademais de navegar pola ría de Pontevedra, realizarán distintas visitas, entre as que destaca unha excursión guiada á illa de Tambo o mércores, 16.