Cervexa, gastronomía e música en directo na Oktoberfest de Campelo, que se celebra este venres e sábado

03/10/2024

Unha festa familiar, na que se inclúen ludotecas e actividades para os máis pequenos e un autobús lanzadera desde Pontevedra e diferentes puntos de Poio.

A Praza da Granxa acolle este venres e sábado, 4 e 5 de outubro, a décima edición da Oktoberfest de Campelo, que mestura o gusto pola cerveixa coa gastronomía de calidade e música en directo. O alcalde, Ángel Moldes, e os edís de Festexos e de Cultura, Fran Dasilva e Natalia Sabarís, acompañaron esta mañá á Asociación Cultural e Deportiva de Campelo na presentación da programación da festa, “unha oportunidade para seguir dinamizando o lugar de Campelo a nivel socioeconómico”, subliñou Moldes.

Nesta liña, recordou que “a celebración este ano da décima edición da Oktoberfest quere dicir que é xa unha cita totalmente consolidada” e subliñou que conta con produtos de moita calidade, aposta polos negocios locais e os membros da asociación están completamente involucrados coa organización de todo o evento.

Pola súa banda, Víctor Pradera, secretario do colectivo, subliñou que é tamén unha festa familiar, con música en directo, actividades e ludotecas infantís. Con respecto á programación, o venres arrincará ás 18.00 horas coa animación infantil a cargo de Javi Solla, e posteriormente, desde as 22.00 horas inclúense as actuacións de Raul e Cía e do DJ Arro. O sábado a sesión vermú será a partir das 13.00 horas coa música en directo de algo pasa con Mery, pola tarde organizaranse xogos populares na Praza da Granxa e xa pola noite os concertos de Son das Tabernas e DJ Arrow. Na parte gastronómica, ademais de degustación de diferentes tipos de cervexa, tamén se poderá consumir salchichas, codillos e hamburguesas.

Con respecto ao autobús lanzadera, funcionará de xeito gratuíto desde as 21.00 ata as 03.00 horas, con saída da Igrexa de San Roque, en Pontevedra, e percorrido polo Pazo de Ferreirós, Combarro, A Seara e Campelo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio