Unha festa familiar organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Campelo, na que se inclúen ludotecas e actividades para os máis pequenos e un autobús lanzadeira o sábado desde Pontevedra e diferentes puntos de Poio.
A Praza da Granxa acolle este venres e sábado, 3 e 4 de outubro, a undécima edición da Oktoberfest de Campelo, que mestura o gusto pola cervexa coa gastronomía de calidade e música en directo. O alcalde, Ángel Moldes, e os edís de Festexos e Cultura, Fran Dasilva e Natalia Sabarís, acompañaron esta mañá á Asociación Cultural e Deportiva de Campelo na presentación da programación da festa, coa que colabora o Concello de Poio, “unha oportunidade para seguir dinamizando o lugar de Campelo”, subliñou Moldes.
Nesta liña, recordou que “é xa unha cita totalmente consolidada, unha festa familiar, cun público moi fiel edición tras edición” e subliñou que conta con produtos de moita calidade, aposta polos negocios locais e os membros da asociación están completamente involucrados coa organización de todo o evento.
Ademais, tamén quixo poñer en valor o dinamismo asociativo que existe en Poio, grazas ao cal se pode completar unha oferta lúdica, festiva e cultural durante todo o ano, con propostas como esta, que nacen do traballo colaborativo entre veciñanza e administración.
A festa arranca o venres ás 20.00 horas. Ademais das actuacións de Son das Tabernas e DJ Arro, tamén se organizarán ludotecas infantís no local social. O sábado a sesión vermú será a partir das 13.00 horas coa música en directo de Terapia de Grupo, pola tarde organizaranse xogos populares na Praza da Granxa e xa pola noite, ademais dos concertos da Orquestra Neverloura e DJ Arrow, tamén se inclúen actividades para os máis pequenos. Na parte gastronómica, xunto coa degustación de diferentes tipos de cervexa, tamén se poderá consumir variedades de salchichas, codillos e hamburguesas a prezos populares.
Con respecto ao autobús lanzadeira, funcionará de xeito gratuíto o sábado desde as 21.00 ata as 03.00 horas, con saída da Igrexa de San Roque, en Pontevedra, e percorrido polo Pazo de Ferreirós, Combarro, A Seara e Campelo.