Celebramos en familia a inauguración do novo parque infantil de Ánkar

09/01/2026

Ángel Moldes e o presidente da Deputación, Luis López, participaron esta tarde na apertura, que incluíu chocolatada, música e a animación de Javi Solla. Conta cun deseño temático sobre Cristóbal Colón, cunha réplica da embarcación Santa María con elementos de xogo integrados, converténdoa nunha área con máis capacidade e inclusiva.

Música, moito ambiente e moitas gañas de desfrutar marcaron a inauguración do novo parque infantil de Ánkar, un espazo totalmente renovado e cun deseño centrado na figura de Cristóbal Colón. A expectación era máxima tanto na parroquia de San Salvador como no conxunto do concello, ante a apertura dunha área de xogos chamada a converterse nun novo punto de encontro para as familias, tanto de Poio como doutros municipios.

O acto de inauguración contou coa participación do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, do alcalde de Poio, Ángel Moldes, de membros do Goberno local, representantes de colectivos e numerosa veciñanza. Pero os grandes protagonistas foron os nenos e nenas, que puideron gozar dos novos xogos, inchables, chocolate quente e da animación a cargo de Javi Solla, convertido en Cristóbal Colón.

A actuación contou cun investimento total de 161.638,66 euros, financiado con fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, e permitiu a renovación integral da área infantil. O novo parque presenta unha temática coloniana, en coherencia coa proximidade da Casa Museo de Cristóbal Colón e coa relación do navegante co municipio de Poio. Ademais, amplíase a capacidade do espazo, mellórase a accesibilidade e garántese a inclusión.

A peza central do parque é unha réplica da embarcación Santa María, o barco no que Colón realizou a súa primeira viaxe a América. Esta estrutura conta con diferentes zonas de xogo a distintas alturas, como tobogáns, paneis trepadores, zonas de escalada, hamaca cama, timón, telescopio, mapa do tesouro ou crebacabezas, fomentando o xogo creativo e a aventura.

A área de xogo ocupa arredor de 300 metros cadrados e inclúe tamén unha segunda embarcación máis pequena, especialmente adaptada para nenos e nenas menores de 6 anos. Complétase con columpios —tamén para bebés e inclusivos—, xogos xiratorios con temática mariña e outros equipamentos que reforzan o carácter lúdico e educativo do espazo.

Durante o acto, o alcalde, Ángel Moldes, destacou que “Poio é un concello mozo, no que residen preto de 3.000 rapaces menores de 14 anos, unha realidade que nos motiva a desenvolver políticas centradas nas familias”. Nese senso, lembrou medidas como baixadas de impostos, a posta en marcha da unidade de atención temperá, mellora dos servizos de conciliación familiar e unha programación cultural, lúdica e deportiva moi potente durante todo o ano, “que reafirman o compromiso do Concello para seguir transformando Poio nun lugar único para vivir”.

Neste senso, asegurou que “estamos cumprindo co noso programa de Goberno, que incluía construír e renovar os parques infantís para facelos máis atractivos, seguros e inclusivos”, e avanzou que o Goberno local conta cun plan de actuación en todas as parroquias, como por exemplo en Chancelas, Vilariño, Ánkar, Samieira ou A Seca, ademais de labores de mantemento en todos os parques existentes.

“Para nós é importante que estes parques sirvan de encontro para as familias, que sexan espazos de lecer seguros, divertidos e diferentes para toda a cativada sen excepción. Por iso é fundamental incluír xogos inclusivos cos que garantir a igualdade”, destacou o alcalde.

Por último, subliñou que “queremos que xogar se converta nunha auténtica aventura, con parques temáticos que fagan diferente pasar unha tarde en Lourido, en Ánkar, na Seca ou en calquera outra zona infantil do noso municipio”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio