Cantajuegos trae a Poio o espectáculo “Tallarín, un mundo mágico”

30/12/2024

O xoves 2, na carpa Poio Máxico con entrada de balde. As corais de Poio, Virxe de Fátima e Virxe da Renda ofrecen o Concerto de Aninovo no Mosteiro de Poio.

Cantajuegos trae este xoves, 2 de xaneiro, o seu espectáculo “Tallarín, un mundo mágico”. Será na carpa Poio Máxico, na Seca, a partir das 18.00 horas e con entrada gratuíta ata completar o aforo dispoñible.

O paiaso Tallarín está preparando a súa xira mundial cos seus alumnos máis avantaxados, xa graduados. Para tan importante tarefa, ensaian concienzudamente moitos trucos, acrobacias e idiomas, para que as súas próximas actuacións sexan un completo éxito. Un espectáculo cheo de alegría, maxia, música, baile e moita diversión que “supón unha oportunidade para as familias, xa que van poder disfrutar en Poio dun espectáculo de gran calidade e o van facer de xeito gratuíto”, sinala a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís que, recorda, Cantajuegos é o show infantil máis famoso e seguido de España.

“Estamos convertendo a Poio nun referente este Nadal,con propostas de calidade e con espazos cheos de contido para disfrutar as familias”, sinala a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís.

Esta é unha das moitas propostas que o Concello de Poio programou para este Nadal, máis de sesenta actuacións e actividades destinadas para o público familiar e para converter a carpa Poio Máxico e as sete Aldeas de Nadal situadas nos lugares emblemáticos do municipio en auténticos puntos de encontro, con contidos de calidade para encher de ilusión e maxia estas datas.

Dentro desta programación do Nadal en Poio, tamén este xoves, día 2, as corais de Poio, Virxe de Fátima e Virxe da Renda ofrecen o seu tradicional Concerto de Aninovo no Mosteiro de San Xoán, a partir das 20.00 horas e que contará, tamén coa intervención de Rosolino Martinello con “Música, candeas e acción”.

Xa o venres 3, no Palacete de Besada, actuará Máis Cantos de Reis, con chocolate para as persoas participantes. A partir das 20.00 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio