Estas actuacións están pensadas para o público familiar, gratuítas e desenvolveranse na carpa Poio Máxico que se instalará na Seca.
A falta de coñecer a programación completa do Nadal, desde o Concello de Poio o alcalde, Ángel Moldes, xa confirma que este ano “pequenos e maiores gozarán dunha programación ampla, variada e de moitísima calidade, destinada para todos os públicos e que buscan espertar a ilusión e encher de vida o municipio nunhas datas tan máxicas”.
Deste xeito, apostan por tres espectáculos “moi potentes”, para o público familiar, e que traerán ata a carpa Poio Máxico que se instalará na Seca a Juan D e Beatriz con “Superhits”, o espectáculo de maxia de Pedro Volta e aos Cantajuegos, que presentarán “Tallarín, un mundo máxico”. Son tres das propostas que o Concello de Poio incluirá na programación festiva, que se dará a coñecer nos próximos días e que incluirá actuacións, actividades e talleres totalmente gratuítos. “Queremos converter a Poio nun referente no Nadal, nun referente por contar cunha proposta de calidade, con espazos cheos de contido para disfrutar as familias”, engade.
Juan D e Beatriz, presentadores de Los Lunnis en TVE, chegarán a Poio co seu espectáculo “Superhits” o sábado 7 de decembro, ás 18.00 horas. Inclúe unha selección das cancións máis marchosas dos seus tres discos, para non parar de bailar durante algo máis de unha hora e, por suposto, con algunha sorpresa máis acompañados dos seus inseparables amigos MioMio, Hada Mariana, Siderot e Escondino. Un éxito rotundo en cada unha das cidades que visitan.
O mago Pedro Volta, que participou en programas televisivos como Got Talent, presentará o seu espectáculo de maxia o día de Nadal, o mércores 25 de decembro (18.00h). A súa habilidade para comunicar e presentar os seus actos cun enfoque innovador e creativo, deixa á audiencia marabillada, persuadida de que a maxia verdadeira pode existir. Destaca non só pola súa destreza técnica, senón tamén pola súa capacidade para evocar emocións profundas. O seu espectáculo, imbuído nun aire futurista e conceptual, inspírase en películas e series de ciencia ficción, explorando temas como a conquista do espacio e a física cuántica.
E xa o xoves, 2 de xaneiro, Cantajuego presenta “Tallarín, un mundo máxico” (18.00 horas). O paiaso Tallarín está preparando a súa xira mundial cos seus alumnos máis avantaxados, xa graduados. Para tan importante tarefa, ensaian concienzudamente moitos trucos, acrobacias e idiomas, para que as súas próximas actuacións sexan un completo éxito. Un espectáculo cheo de alegría, maxia, música, baile e moita diversión.
Poio inaugurará o seu Nadal o vindeiro sábado, 30 de novembro, cunha festa na Praza do Mosteiro, con animación, música e conta atrás para o acendido das luces. As Aldeas estarán situadas na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño, mentres que a carpa Poio Máxico volverase instalar na Seca.