Caligrafía creativa, Breakout de Hogwarts, adornos de Nadal e sorteo de libros, propostas da Biblioteca no último trimestre

14/10/2024

Continúa activo o Reto Lector 2024, que propón a lectura dunha biografía, un libro escrito por unha muller e dun premio Nobel para os meses de outubro, novembro e decembro, respectivamente.

A Biblioteca Municipal de Poio presenta a súa programación para o último trimestre do ano, que inclúe un obradoiro de caligrafía creativa, breakout sobre Hogwarts, talleres de adornos de Nadal e o sorteo de Lotaría de Libros, así como varios centros de interese con referencias de títulos sobre escritoras, o samaín, ciencia en galego e prevención da violencia machista.

Así, este mesmo luns, 14 de outubro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Escritoras, desenvolverase un obradoiro de caligrafía creativa con citas de autoras universais. Será ás 17.30 horas, e está dirixido para a rapazada de máis de 7 anos e adultos. Esta actividade, que é de balde, ademais de divulgar a obra de autoras universais, tamén repercute de xeito positivo nas persoas que participan por todos os beneficios que aporta a caligrafía, entre eles, fomenta a expresión e a creatividade, fortalece a conexión entre as neuronas, mellora a coordinación…

Tamén desde este luns, na biblioteca colocarase un centro de interese con algunhas das obras das escritoras favoritas de sempre.

No Día internacional da Biblioteca, o xoves 24 de outubro, organizarase un Breakout sobre Hogwarts, un xogo educativo no que os participantes terán que resolver unha serie de pistas para poder abrir unha caixa. Está destinada para crianzas a partir dos 7 anos.

Na semana do 28 ao 3 de novembro conmemorarase o Samaín, con numerosas propostas para ler sobre as lendas de Galicia, a mitoloxía e a gastronomía típica.

Xa en novembro celebrarase o Mes da ciencia en galego, colocando un centro de interese para contribuír á divulgación científica, co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía. E, ademais, no Día Internacional contra a violencia machista colocarase outro punto de interese con referencias de títulos e obras que contribúan a sensibilizar sobre esta lacra social.

Xa en decembro, o luns 2 organizarase un obradoiro de adornos de Nadal, co que se convidará a todos os usuarios a colaborar coa decoración do árbore de Nadal da Biblioteca Municipal. E o luns 23, a partir das 13.30 horas, celebrarase o Sorteo da Lotería de Libros, no que se sorteará unha cesta de libros entre todos os usuarios que realicen empréstito de libros durante o mes de decembro. Con esta actividade, foméntase a lectura compulsiva, amosando os beneficios tan importantes que reporta a lectura en calquera idade.

Ademais desta programación, tamén continúa activo o Reto Lector 2024, unha iniciativa destinada a fomentar a lectura e a espertar o gusto por diferentes xéneros narrativos que convida aos usuarios a ler unha proposta diferente para cada mes do ano. Así, nestes últimos tres meses do ano, as propostas son unha biografía para o mes de outubro, un libro escrito por unha muller en novembro e, finalmente, en decembro, escollerase un autor ou autora gañador dun premio Nobel.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio