O sábado ábrese o prazo para solicitar permisos para as cacharelas e grelladas de San Xoan

04/06/2024

As peticións pódense presentar no rexistro do Concello de Poio ou a través da Sede Electrónica ata o venres 21. As solicitudes de San Pedro comunicaranse do 22 ao 26 de xuño.

Desde este sábado, 8 de xuño, os particulares e locais de hostalería que queiran prender unha cacharela ou facer unha grellada polo San Xoán, na noite do 23 ao 24 deste mes, xa poden solicitar os seus permisos. A comunicación será preferentemente mediante instancia a través da Sede electrónica do Concello, ou no seu defecto, mediante instancia presentada presencialmente no Rexistro Xeral do Concello.

As comunicacións farán referencia a grelladas nas zonas interiores dos locais que cumpran as medidas óptimas para tal obxecto, e ás fogueiras en espazos privados e públicos dentro do solo urbano, de núcleo rural ou en areais das praias, que cumpran todas as normas de seguridade.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a apertura do prazo, que no caso de San Xoán, rematará o venres día 21. Para as fogueiras e grelladas de San Pedro, o prazo para facer as comunicacións irán do 22 ao 26 deste mes.

A persoa solicitante será a responsable de cumprir estritamente todas e cada unha das condicións e as normas de seguridade, entre as que se inclúen a prohibición de ubicar un asador en zonas públicas; o volume do combustible da fogueira non sobrepasará os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura; a separación entre os edificios e árbores será como mínimo de 4 metros para as grelladas de de 12 m para as fogueiras; terase especial coidado de non situar as barbacoas e as fogueiras baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables. Asemade, teranse en conta inclemencias metereolóxicas como a aparición de vento á hora do prendido e mantemento da grelladas ou fogueira, prestando especial atención ás lascas producidas. Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, etc, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico; e en ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros; e deberase ter un punto de auga ou extintor próximos para proceder ao seu apagado ante calquera emerxencia. Por último, todo deberá quedar completamente recollido e limpo o luns, 24 de xuño, antes das 10.00 horas.

Descarga documentos

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio