Continúa activo o Reto Lector 2025, que propón a lectura dun libro prohibido ou censurado para o mes de maio e unha novela gráfica ou manga para o mes de xuño.
A Biblioteca Municipal de Poio presenta a súa programación para os vindeiros meses, que comezará o 23 de abril, Día do Libro, cun Breakout sobre o Principiño. Ademais, tamén se inclúen sesións de maxia, obradoiros e contos para bebés e dáse continuidade ao proxecto Reto Lector que se desenvolve durante todo o ano.
Así, este mércores día 23 de abril, coincidindo coa conmemoración Dçia Internacional do Libro, desenvolverase un Breakout sobre O Principiño, ás 17.30 horas na Biblioteca Municipal. Trátase dun xogo educativo no que os participantes terán que resolver unha serie de pistas para poder abrir unha caixa. Está destinada para crianzas a partir dos 6 anos e non é necesaria inscrición previa.
Xa en maio, coa conmemoración do Día das Letras Galegas, organizarase no CC Xaime Illa, en Raxó,o espectáculo «A Maxia das Letras«, a cargo do Mago Samuel. Trátase dun proxecto dirixido ao público infantil e adulto que combina maxia e creatividade para fomentar o amor polos libros e a lectura, destacando figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. A través do programa Ler conta Moito, da Xunta de Galicia.
En xuño despedirase o curso escolar cun obradoiro a cargo de Sonia Venzel, o venres 20 na Biblioteca Municipal. “Maderacos” é un obradoiro no que os nenos exploran a transformación de pezas de madeira recuperada en personaxes cativantes. Incluído tamén no programa Ler conta Moito, da Xunta de Galicia.
A través do mesmo programa, en setembro organizarase no Casal de Ferreirós o contacontos para bebés “Cambio e conto”, de Raquel Queizás. A través de diferentes contos, cantigas, enredos… e dun xeito lúdico, os bebés aprenden na súa lingua a coñecer o mundo que lles rodea.
Ademais desta programación, tamén continúa activo o Reto Lector 2025, unha iniciativa destinada a fomentar a lectura e a espertar o gusto por diferentes xéneros narrativos que convida aos usuarios a ler unha proposta diferente para cada mes do ano. Así, este mes a proposta é un clásico da literatura xuvenil, mentres que en maio será un libro prohibido ou censurado; unha novela gráfica ou manga para o mes de xuño; unha novela ambientada nalgunha cidade pola que transcorre o Camiño de Santiago é a proposta para xullo; un libro de non ficción en agosto; en setembro, unha biografía; un audiolibro en outubro; unha novela epistolar en novembro; e, para rematar o reto, un libro publicado na data do nacemento do participante para o mes de decembro.
Para participar nesta segunda edición do Reto Lector basta con estar en posesión do carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e teñen que inscribirse no mostrador de préstamo da Biblioteca Municipal de Poio, onde se lle facilitará unha cartilla de control que cada participante irá selando cada mes ata superar o reto. O premio é ler, descubrir novos xéneros, títulos e escritores, pero tamén todas as persoas que superen o reto activarán un poder, que eliminará unha sanción por devolución fóra de prazo na biblioteca durante o 2026 e un agasallo sorpresa.