Boa acollida das Xornadas Gastronómicas da Ameixa entre veciños e visitantes.

12/09/2024

Consumíronse máis de 600 racións nos primeiros días do evento.

O Concello de Poio celebrou a boa acollida entre veciños e visitantes das Xornadas Gastronómicas da Ameixa que están a desenvolverse todas as fins de semana de setembro nunha quincena de establecementos repartidos polo municipio, como prólogo e complemento á XXXVI edición da Festa da Ameixa que terá lugar en Campelo en outubro.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón destacou que, cos datos recollidos nos establecementos adscritos, só nos primeiros días -o domingo 1 e a fin de semana do 6 ao 8 de setembro- consumíronse máis de 600 racións de bivalvo nas súas distintas preparacións. Cochón agradeceu a colaboración do sector para a recuperación destas xornadas despois de máis de 20 anos, indicando que permitirán dinamizar o sector e seguir avanzando nun turismo desestacionalizado e de calidade, poñendo en valor “a nosa gastronomía líder e un produto que é sinal de identidade de Campelo e da ría”.

A edil, que está a visitar todos os locais participantes agradecendo o bo facer e a colaboración do sector, convidou á veciñanza de Poio e da contorna a aproveitar setembro para desfrutar do produto estrela da nosa ría nas mans expertas das e dos restauradores de Poio e comprobar en primeira persoa “por que somos o gran referente gastronómico da zona” e apoiar sectores tan importantes como o marisqueo, o turismo e a hostalería.

As xornadas, que comezaron o domingo 1 de setembro, continúan este venres e desenvolveranse todas as fins de semana do mes, de venres a domingo nun total de 15 establecementos repartidos por todo o municipio, con menús, pratos e tapas coa ameixa como protagonista e a prezos moi atractivos que oscilan entre os 3 e os 30 euros.

Os establecementos participantes son:

Casa Angelita e o Restaurante Lourido, en Lourido; Casa Laura, en Campelo; Casa Susa, no Muíño; O Eirado das Margaridas, en Liñares, Pinela Terraza, en Casalvito; o Restaurante Alvariñas, Arroyo Mar y Tierra, Entrepedras, Pedramar, La Espuela e O Peirao, en Combarro; La Nueva Parada, en Chancelas; O Novo Lar de Expósito, no Covelo, Samieira, e o Vamos Falando, en Raxó.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio