BASES DO CONCURSO DOS MAIOS 2025

15/04/2025

Por acordo nº 22867 da Xunta de Goberno Local celebrada o día 25 de Marzo 2025, se acordou o seguinte:


Prestar aprobación ás Bases e convocatoria que rexerán o Concurso dos Maios 2025” co seguinte texto:


1 – OBXECTO:
O Concello de Poio establece esta convocatoria de concurso co fin de preservar o patrimonio cultural e fomentar o interese polas actividades culturais e festivas tradicionais do noso municipio.
As presentes bases teñen por obxecto regular o procedemento da concesión de premios do concurso dos Maios para o ano 2025 que se celebrará o día 1 de maio, ás 11 horas, na praza do Mosteiro (San Xoán de Poio).


2 – CRÉDITO ORZAMENTARIO:
Para a concesión dos premios obxecto desta convocatoria, destinaranse un crédito de 5.630,00 €, correspondente á aplicación orzamentaria Nº 334.48001 do orzamento de gastos para o exercicio 2025.


3 – PARTICIPANTES:
Poderán participar no concurso dos Maios as persoas físicas, asociacións, grupos, colectivos, centros escolares e agrupacións de persoas físicas ou xurídicas sen personalidade, que formalicen a súa inscrición para participar no concurso de Maios 2025.
Un membro de cada un dos colectivos participantes deberá asistir ás reunións que para o efecto sexan convocadas polo Concello de Poio.


4 – PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN
É condición imprescindible que os Maios que participen no concurso se inscriban no Rexistro Xeral do Concello de Poio, presentando o modelo xenérico de solicitude xunto con once copias das coplas, a través da sede electrónica do Concello (www.concellopoio.sedelectronica.gal), ou no Rexistro Xeral do Concello de Poio (en horario de 08:00 a 14:00 horas) no caso de persoas físicas.
O prazo de inscrición para participar será do 17/04/2025 ao 24/04/2025 ambos inclusive.
Na solicitude deberá constar o nome, enderezo e teléfono de contacto/correo electrónico da persoa representante do Maio.


5 – REQUISITOS DOS MAIOS PARTICIPANTES
Os maios participantes deberán presentarse na praza do Mosteiro (San Xoán de Poio) antes das 11 horas do día 1 de maio para a súa inspección polo xurado; aqueles Maios que non estean á hora indicada quedarán descualificados.


Serán susceptibles de obter os premios regulados nestas bases os maios que cumpran os seguintes criterios:


a) O maio será tradicional de Poio, de forma cónica, adornado con produtos tradicionais na confección e armazón (fiúncho, pampullos, margaridas, laranxas e ovos de galiña, flores silvestres propias da zona empregadas tradicionalmente nos maios, no seu estado natural.) Tamén se aceptarán, por ser tamén de tradición local, cartuchos (calas, camelias, rosas silvestres). Calquera outro elemento de adorno será penalizado.


b) O armazón non terá estrutura metálica aínda que se permiten os aros de barril.


c) Deberá estar atado con vimbias ou similar e non poderá levar rexinllas de plástico nin redes.


d) Serán valorados elementos de tipo técnico (como a uniformidade do manto de fiúncho, a elaboración uniforme das coroas decoradas con flores e follas naturais, silvestres e da tempada propias da zona e empregadas tradicionalmente nos maios, no seu estado natural) e artísticos (a distribución dos adornos no maio, a composición de formas e cores, etc.).


e) Cada Maio poderá participar cunha soa coroa, que deberá estar colocada cando menos durante a actuación do Maio.


f) A utilización dos materiais para confeccionar a estrutura da coroa será libre. O tamaño da coroa gardará proporción co maio, non podendo superalo en altura.


g) A decoración da estrutura da coroa será con flores e follas naturais, silvestres e da tempada.


h) As coplas deberán ter a seguinte composición: estrofas de catro versos de 7 ou 8 sílabas, rimando a 2ª coa 4ª.


i) Nas cantigas valorarase a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados. Penalizarase o uso de coplas copiadas de anos anteriores.


j) Na interpretación valorarase o emprego do canto tradicional do maio, así como a entoación, ritmo e actuación do conxunto. Tamén se valorará o uso dos materiais de acompañamento (palitroques ou estadullos).


k) Na actuación de cada maio serán interpretadas 4 estrofas.


l) Só se aceptará a presentación dun barco por cada maio participante.


m) Os barcos deberán ser de tipo tradicional galego. Quedarán á interpretación do xurado todos aqueles aspectos non contidos nos presentes criterios.


6 – ACTUACIÓN DOS MAIOS:
A orde de actuación dos maios será elixida por sorteo, antes do comezo do concurso. O acto da Festa dos Maios terá a seguinte orde de actuación:

  • Actuación dos Maios.
  • Actuación dun grupo de música tradicional.
  • Homenaxe.
  • Entrega de Premios.

7 – XURADO CUALIFICADOR:
O xurado estará formado polos membros da Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Poio. Co fin de garantir unha avaliación máis fundamentada, a presidencia do xurado será delegada nunha persoa relacionada coa tradición da festa dos Maios do noso concello, con un coñecemento profundo sobre a súa historia, simbolismo e técnicas de elaboración.
O xurado emitirá o seu veredicto a través do sistema de puntuación seguinte:
a) Cada membro do xurado deberá puntuar cada maio cunha nota do 1 a 10.
b) A puntuación total será a obtida da división efectuada entre a suma do total puntuado e a suma do número de membros do xurado que puntúan en cada caso.
c) As puntuacións realizaranse nunha grella proporcionada para o efecto que será entregada á secretaría do xurado ao remate das actuación de todos os Maios concursantes.
O xurado concederá os premios aos maios participantes e redactará a acta do resultado. O ditame do xurado será inapelable en todo caso.

8 – PREMIOS:
Os maios concursantes percibirán os seguintes premios por cada modalidade:

Premios ao mellor CONXUNTO:
1ºPremio ………………………………………220,00 €
2ºPremio ………………………………………180,00 €
3ºPremio ………………………………………150,00 €

Premios ao mellor MAIO:
1ºPremio……………………………………….150,00 €
2ºPremio……………………………………….120,00 €
3ºPremio ………………………………………100,00 €

Premios ás mellores COPLAS:
1ºPremio……………………………………….150,00 €
2ºPremio ………………………………………120,00 €
3ºPremio ………………………………………100,00 €

Premios á mellor COROA:
1ºPremio ………………………………………150,00 €
2ºPremio ………………………………………120,00 €
3ºPremio ………………………………………100,00 €

Premios á mellor ACTUACIÓN
1ºPremio……………………………………….150,00 €
2ºPremio ………………………………………120,00 €
3ºPremio ………………………………………100,00 €
4ºPremio………………………………………..80,00 €
5ºPremio ……………………………………… 50,00 €

Premios á mellor BARCO GALEGO TRADICIONAL
1ºPremio……………………………………….150,00 €
2ºPremio ………………………………………120,00 €
3ºPremio ………………………………………100,00 €

Polo feito de participar, cada maio recibirá dúas roscas e 200 euros.

As letras dos maios premiados poderán ser publicadas polo Concello de Poio, citando a procedencia e sen que os seus autores teñan dereito a percibir ningunha cantidade.

9 – PUBLICIDADE
As bases e a súa convocatoria será publicada na sede electrónica do Concello, na páxina web do Concello de Poio, complementariamente no taboleiros de anuncios.

10 – DISPOSICIÓN FINAL
A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio