Bases do XXXIII Concurso Literario Xaime Illa Couto

20/03/2025

O Concello de Poio, xunto coa SCD Raxó e coa colaboración do Consello Municipal de Cultura, convocan unha nova edición do Concurso Literario Xaime Illa Couto. O concurso rexerase polas senguintes bases:

1. Ámbito xeográfico

  • Ata 17 anos: será requisito ter empadroamento no concello de Poio ou matrícula nun centro educativo deste concello.
  • De 18 anos en diante: a participación non ten limitación xeográfica, sempre que se cumpran as demais normas do concurso.

2. As modalidades do concurso serán dúas:

  • Relato curto ou conto.
  • Poesía.

3. As categorías son as seguintes:

  • Categoría A: de 6 a 8 anos.
  • Categoría B: de 9 a 11 anos.
  • Categoría C: de 12 a 13 anos.
  • Categoría D: de 14 a 15 anos.
  • Categoría E : de 16 a 17 anos.
  • Categoría F: de 18 anos en diante.

A idade das persoas participantes deberá estar cumprida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

4. Os traballos serán de carácter individual e inéditos, quedando expresamente prohibido plaxiar, copiar ou reproducir traballos alleos.

5. Cada participante poderá presentar un único traballo por modalidade.


6. Os traballos deberán estar escritos en lingua galega.


7. O tema será libre.


8. A extensión dos traballos será como máximo de tres folios por unha soa cara (para relato curto ou conto) e dun folio por unha soa cara (para poesía).
Os traballos mecanografados entregaranse a tamaño de letra 12 e espazo interlineal dobre. Os traballos manuscritos entregaranse nun formato lexible.


9. Os traballos serán entregados en calquera dos seguintes centros:

  • No servizo de Cultura do Concello de Poio (andar baixo- Casa Consistorial), ou por correo certificado (Praza do Mosteiro 1, 36995, San Xoán de Poio).
  • Nos seguintes centros de ensino: CEIP Viñas, CEIP Lourido, CEIP Isidora Riestra, CEIP Chancelas, CEIP Espedregada e no IES de Poio.
  • Nos locais das Asociacións colaboradoras e membros do Consello Municipal de Cultura: S.C.D. de Raxó; S.C.D. de Samieira; Ateneo Corredoira de Combarro; Asociación Boureante da Seara; Asociación Vides Novas de San Salvador.


10. Cada traballo presentarase en dous sobres pechados:

  • No interior do SOBRE 1: un exemplar da obra a presentar no concurso.
  • No interior do SOBRE 2: os datos persoais da persoa participante:

◦Nome, idade, enderezo e teléfono.
◦No caso de escolares tamén incluirán o curso e o nome do seu centro de ensino.

  • No EXTERIOR de ambos os dous sobres deberá constar:

◦Título da obra.
◦Modalidade e categoría na que participa (ver puntos 2 e 3 destas bases).
◦Idade do autor/a.


11. O xurado estará formado por unha representación elixida para o efecto polo Consello Municipal de Cultura. O xurado determinará a necesidade de recorrer ao asesoramento de técnicos/as na materia. A presidencia de honra do xurado permanecerá vacante en lembranza de Don Xaime Illa Couto. O fallo do xurado será inapelable.


12. O Consello Municipal de Cultura resérvase o dereito de publicar e/ou facer o uso que considere oportuno dos traballos presentados.


13. Os premios serán os seguintes:

  • CATEGORÍAS A, B, C, D: premio de 90 euros (para cada unha destas catro categorías e nas dúas modalidades), diploma e agasallo conmemorativo.
  • CATEGORÍA E: premio de 110 euros (para cada unha das dúas modalidades), diploma e agasallo conmemorativo.
  • CATEGORÍA F: premio de 400 euros (para cada unha das dúas modalidades), diploma e agasallo conmemorativo.


14. O prazo de entrega dos traballos rematará o mércores 30 de abril de 2025, ás 14:00 horas.


15. O xurado fallará os premios o luns 12 de maio de 2025.


16. O xurado poderá considerar deserto os premios do grupo F, no caso de que os traballos presentados non acaden unha calidade aceptable.


17. A entrega de premios realizarase no transcurso do acto que se celebrará o sábado 17 de maio de 2025, ás 17.30 horas, no salón de actos do Centro Cultural Xaime Illa Couto (Raxó).


18. A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio