Balance “moi positivo” da presencia de Poio en FITUR 2025

27/01/2025

Trasladarase ao sector na Mesa de Turismo convocada para o 12 de febreiro.

A concellería de Turismo de Poio fixo este domingo un balance “moi positivo” da presenza do Concello en FITUR 2025, coincidindo co peche da Feira Internacional de Turismo que se celebrou en Madrid.

Explicouno a responsable da área, Rocío Cochón, que destacou as numerosas reunións e entrevistas dos representantes do Concello con empresas e entidades do sector turístico durante as dúas primeiras xornadas. O mércores e o xoves desenvolvéronse entrontros de traballo con empresas de servizos turísticos de ámbito nacional e internacional, así como medios especializados.

Cochón subliñou tamén a boa acollida do espazo promocional permanente instalado polo Concello na avenida principal do recinto, xunto ao pavillón de Galicia, que atraeu a atención de numerosos asistentes resaltando aspectos menos coñecidos da nosa completísima oferta turística, como a gastronomía, a natureza, o turismo deportivo ou as variantes do Camiño de Santiago.

“Todo o mundo coñece Combarro, un dos principais destinos excursionistas de Galicia… pero non todos son conscientes da diversidade de espazos naturais como os catro sendeiros azuis, ou a Illa de Tambo”, explicou. “Moita xente coñece a excelente calidade dos nosos hoteis e praias, pero non todos saben que somos o Concello de Galicia con máis Estrelas Michelín e unha oferta gastronómica inigualable”

Do mesmo xeito, indicou que “moitos turistas veñen a desfrutar das nosas praias, pero moitos descobren ao chegar a nosa oferta de turismo deportivo, que nos permitirá este ano albergar a saída dunha etapa de la Vuelta” e, finalmente, “moitísimas persoas visitan o Mosteiro de Poio, exemplo da nosa oferta cultural, pero non todos saben que ao seu carón transcorren dúas variantes do Camiño de Santiago, unha experiencia única que percorren cada vez por máis peregrinos”.

Ademais de no expositor municipal, as máis de 250.000 persoas que asistiron a Fitur puideron información sobre Poio no mostrador do stand de Galicia, onde como cada ano “Poio é ún dos destinos máis demandados”, como tamén no stand de ‘Pueblos Mágicos de España’, rede da que forma parte desde hai anos.

Cochón rematou agradecendo a colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra na promoción turística do Concello, despois de participar nas distintas presentacións de Turismo de Galicia e Turismo Rías Baixas, e da que tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o presidente provincial, Luis López se interesasen polo expositor instalado polo Concello. Tamén quixo facer un recoñecemento especial polo traballo de todos os empresarios e profesionais turísticos procedentes de Poio que estiveron presentes en Madrid, e que son “magníficos representantes dun sector importantísimo para a nosa identidade e a nosa economía”.

Por último, anunciou que este balance será trasladado aos representantes do sector na Mesa de Turismo convocada para o mércores 12, así como a previsión de seguir reforzando a presenza en Fitur e noutros eventos nos próximos meses: “Onde está o mellor do turismo do mundo, como non vai estar Poio?”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio