O Concello de Poio coordinou un plan de tráfico coa Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra, a Garda Civil, Policía Local, empresas locais e a obra adxudicataria para minimizar as molestias e garantir a seguridade durante as obras.
As obras de urbanización e humanización da PO-308, no treito comprendido entre A Barca e o Casal de Ferreirós, avanzan a bo ritmo. De feito, a partir deste martes, día 4 de novembro, comezará a aplicarse o plan de tráfico alternativo que establecerá un carril con sentido único de circulación, desde Poio cara a Pontevedra.
Este plan de tráfico, que funcionará durante a execución das obras, foi consensuado con representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra, da Garda Civil, da Policía Local, da empresa adxudicataria e empresas locais. Para os vehículos que precisen saír de Pontevedra desde a Ponte da Barca, habilitaranse itinerarios alternativos: poderán desprazarse pola Caeira ou polo nó dos Bombeiros, subindo polo polígono do Bao, bordeando toda a parte superior de Poio para saír pola zona da antiga Coca-Cola, na avenida Antelo Mariño e a rotonda onde está situada a panadaría Acuña.
Os vehículos de mercancías desviaranse desde a estrada de Vilagarcía polo polígono do Bao, evitando así a zona da Barca.
O Concello destaca que este plan é un documento vivo, susceptible de adaptación segundo evolucionen os traballos ou cambien as necesidades. O obxectivo é compatibilizar a execución da obra coa seguridade viaria, a fluidez do tráfico e a convivencia veciñal, procurando sempre minimizar as molestias para a cidadanía e os milleiros de usuarios diarios desta vía.
Durante todo o proceso, contarase cunha sinalización clara en todos os accesos, informando dos itinerarios alternativos habilitados.
Esta é a primeira fase do proxecto de humanización da PO-308, que ten como finalidade recuperar o espazo público para as persoas, dándolle prioridade ao tránsito peonil sobre o motorizado, e favorecer o comercio local, a accesibilidade e a seguridade viaria. As actuacións previstas inclúen a ampliación de beirarrúas (mínimo 2,5 metros), instalación de elementos de calmado de tráfico, mellora de servizos urbanos, mobiliario público, novas zonas asistenciais, infraestruturas para transporte público e praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.
Desde o Concello de Poio agradecen de antemán a colaboración da veciñanza e piden desculpas polas molestias que poidan ocasionar as obras, lembrando que se trata dunha actuación longamente demandada que mellorará a calidade de vida e a mobilidade do conxunto da poboación.