2023.
O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), supervisou este xoves, acompañado polo titular de Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, o avance experimentado na actuación que o Concello está a acometer no Camiño Real, entre os lugares da Bouza e Urxeira, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e a renovación de servizos básicos. Trátase dun proxecto financiado con fondos correspondentes ao Plan Marco da Xunta de Galicia.
As obras, que están sendo levadas a cabo pola empresa adxudicataria EC Casas, contan cun orzamento que ascende a máis de 98.000 euros. Tanto Casás como Agís salientan o bo ritmo dos traballos, que deron comezo a hai uns meses e que, se as condicións meteorolóxicas o permiten, concluirán nas vindeiras datas. A través desta actuación dótase á vía de cunetas de evacuación de augas pluviais, ademais de novo pavimento. Estase a traballar tamén na mellorar dos accesos ás parcelas agrícolas existentes na contorna e na instalación dunha plataforma para o tránsito rodado, de 4 metros de anchura, ademais dunha senda peonil que reforza a seguridade para os viandantes.
As obras esténdense nun tramo duns 500 metros de longo aproximadamente e serven para poñer fin aos problemas derivados do deterioro do firme e a acumulación de augas nas cunetas, situación que se producía en épocas de chuvia. Tanto o concelleiro de Obras como o responsable de Urbanismo coinciden ao destacar a importancia dunha actuación que consolida o Camiño Real como un punto de conexión alternativo entre as parroquias de Combarro e Samieira, no que “a partires de agora haberá unha mobilidade máis universal e seguridade para viandantes”.