O concelleiro de Obras, Marcial García, comproba o progreso das obras, que neste momento están centradas no pavimentado sobre o que se instalarán o caucho e os elementos de xogo. Permitirá crear un espazo máis accesible, inclusivo e atractivo para as familias.
As obras de remodelación do parque de Ánkar avanzan a bo ritmo, coa previsión de converter este espazo nunha nova e innovadora área de xogos infantil inspirada na figura de Cristóbal Colón. O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, achegouse ata o lugar para comprobar o progreso dos traballos, que neste momento se centran no pavimentado da base sobre a que se instalarán o caucho de seguridade e os diferentes elementos lúdicos. A previsión é que estean rematados a finais de outubro.
Este proxecto, que conta cun investimento de 142.646,34 euros, permitirá renovar por completo a zona infantil existente, creando un espazo máis accesible, inclusivo e atractivo para as familias. A proposta toma como referencia a temática coloniana, en relación coa proximidade da Casa Museo de Cristóbal Colón.
Así, a peza central do novo parque será unha réplica da embarcación Santa María, o barco co que Colón realizou a súa primeira viaxe a América. Esta estrutura incluirá diferentes zonas de xogo a varias alturas, con elementos como tobogáns, paneis trepadores, zonas de escalada, hamaca cama, timón, telescopio, mapa do tesouro, barra de bombeiros, barrís ou crebacabezas.
A área de xogos terá unha superficie duns 300 metros cadrados e contará ademais cunha segunda embarcación máis pequena, especialmente deseñada para nenos e nenas menores de 6 anos, con rampla de escalada e tobogán. A maiores, o parque incluirá columpios con asentos inclusivos e para bebés, xogos xiratorios de temática mariña e outros equipamentos que reforzan o carácter lúdico do espazo.
O concelleiro destacou a importancia de ofrecer ás familias lugares de encontro e ocio que sexan atractivos, de calidade e adaptados a todas as idades, fomentando a inclusión e a creatividade.
Esta actuación en Ánkar enmárcase dentro dun plan integral do Goberno local para mellorar e modernizar as áreas de xogo do municipio. Entre outras iniciativas, destacan a construción da pista pump-track e a renovación do parque infantil da Seca, a recente adxudicación dunha pista multideportiva en Vilariño, a consecución dos terreos para o primeiro parque infantil público en Samieira ou os avances na tramitación para a remodelación do parque Costa Xiráldez, en Lourido, cunha nova proposta temática tamén vinculada ao mar, así como labores de mantemento e mellora das áreas de xogo existentes en todo o municipio.