Avanza a programación do Nadal en Poio, con novas propostas de maxia, circo e animación na rúa

28/12/2024

Tras o éxito do espectáculo de Pedro Volta, mañá a carpa Poio Máxico acolle a Gala do Circo con Moura Teatro e Rodi Rodi. Nas Aldeas de Nadal continúan os espectáculos de Bulelandia, con Tere e Javi Solla e as comparsas locais.

A extensa programación do Nadal en Poio avanza con éxito de público e de participantes. Así, tras o espectáculo do ilusionista Pedro Volta, que reuniu a tarde de Nadal a nenos e maiores na carpa Poio Máxico instalada na Seca, o venres e o sábado será a quenda da Gala do Circo, con Moura Teatro e Rodi Rodi, e de Xogo e Maxia, co Mago Paco, respectivamente. Pero as propostas tamén se trasladan ás Aldeas de Nadal situadas nos lugares máis emblemáticos do municipio, con animación de rúa que nos próximos días chegará a Lourido, Samieira e San Martiño.

Deste xeito, mañá venres 27 o escenario da Seca acollerá a Gala do Circo, presentada por Moura Teatro e co espectáculo “Clownamorado” de Rudi Rudi a partir das 18.00 horas. En canto sobe o pano, comeza a función. Pero nada máis arrincar, o clown namórase tolamente dunha persoa do público. O seu corazón vai a mil, ponse tímido e nervioso e perde a concentración. O show cambalea e todo sae do revés, canto máis intenta impresionar ao/a seu/súa namorado/a, máis aumenta o caos.

Xa o sábado 28, subirase ao escenario de Poio Máxico o Mago Paco co seu “Xoga e Maxia” ás 18.00 horas. Unha proposta nova, dinámica, participativa e sobre todo “alucinante”. Nesta ocasión, O Mago Paco encarna a figura de presentador do prestixioso programa “Xoga e Maxia” onde a través de probas, os e as participantes competirán para levarse as súas casas algun que outro agasallo. Realidade ou ficción? ata onde estarán chegarán para conseguir o seu propósito? Haberá premios para todos e todas as participantes? Un concurso único, dotado de premios imposibles onde non existen gañadores nin gañadoras, se non participantes que non saberán a que proba terán que afrontarse para intentar levarse un agasallo.

Unha carpa, Poio Máxico, que abre todos os días entre as 16.30 e as 20.30 horas con propostas lúdicas para toda a familia: xogos, obradoiros e actividades, con zonas para menores de 3 anos, con sala de lactancia, inchables e tamén área para a mocidade. Todas as actividades son gratuítas.

Pero a programación do Nadal en Poio tamén se estende ao resto de parroquias e ás Aldeas de Nadal situadas nos lugares máis emblemáticos. Así, a animación de rúa estará nos próximos días en Lourido, na Aldea dos Patos situada no parque Costa Xiráldez, en Samieira, na Aldea dos Muíños, e en San Martiño, na Aldea das Badaladas.

A Aldea dos Patos, en Lourido, converterase en punto de encontro do Nadal mañá, venres, ás 17.30 horas, co espectáculo Bulelandia e a animación de Tere, Javi Solla e a comparsa Os Canecos. En Samieira a cita será o domingo 29, coa batukada Os Vikingos e a animación tamén de Javi Solla e Tere co seu espectáculo Bulendia (17.30 horas). No caso de San Martiño, o luns 30 a programación comezará ás 17.30 horas co Bule Bar do Grupo de Entroido Samieira, con baile, animación e maquillaxe de Nadal na Aldea das Badaladas, situada na contorna da Igrexa. De seguido, ás 21.00 horas, celebrarase e festa Pre fin de Ano organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Santa Trahamunda en colaboración co Concello de Poio, na que que non faltarán as uvas, as badaladas, o cotillón e a música coas actuacións das pandereteiras do Ronsel e Arroww DJ.

O Nadal en Poio conta cunha programación con máis de sesenta propostas ata o 6 de xaneiro, destinadas para toda a familia, nas que participan máis de 40 colectivos locais e que aspiran a encher de ilusión e maxia cada lugar do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio