As Tetepaz do Concello de Poio convidan a reflexionar sobre o diálogo, a empatía e a escoita entre os escolares

30/01/2026

“Érase unha vez… a paz”, contacontos dramatizado e musicado que se celebra este domingo no local da Comunidade de Montes de San Xoán, na Seca (18.00h).

As Tetepaz do Concello de Poio xa se expoñen nos centros de ensino do municipio. Trátase dunha iniciativa que busca crear espazos de encontro e diálogo entre o alumnado, fomentando a escoita activa, a observación, a empatía e o intercambio de ideas como ferramentas para a resolución pacífica de conflitos.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, participaron esta semana na actividade desenvolvida na sala do té do CEIP de Chancelas, onde o alumnado compartiu propostas para resolver conflitos pendentes mentres desfrutaban dun rooibos con vainilla. Unha experiencia simbólica e participativa que pon o foco no respecto mutuo e na convivencia.

No marco desta programación cultural e educativa para conmemorar o Día da Paz, o xornalista Juan de Sola presentou este xoves no Casal de Ferreirós o seu último libro, “Entre los muros del olvido”, unha obra que afonda na vida de Ramón García Martínez, veciño de Campañó que sobreviviu ao campo de concentración nazi de Mauthausen e aos seus coñecidos 186 escalóns.

No acto participaron, ademais do autor, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e as fillas de Ramón García, Silvana e Mayte. Durante o encontro, Juan de Sola compartiu coa veciñanza a orixe da historia, o proceso de investigación e as reflexións arredor dunha obra que subliña a importancia de manter viva a memoria histórica para evitar que feitos semellantes volvan repetirse.

A programación continuará este domingo, 1 de febreiro, cunha proposta dirixida ao público familiar: “Érase unha vez… a paz”, un contacontos dramatizado e musicado da man de Leucoíña Pasea. O espectáculo terá lugar no local da Comunidade de Montes de San Xoán, na Seca, ás 18.00 horas, con entrada libre ata completar aforo.

Este contacontos mestura narración oral e música en directo para achegar ás familias historias e cancións inspiradas na conmemoración do Día da Paz. A través da participación activa do público, abordaranse valores como a tolerancia, a solidariedade, a concordia e o respecto, facendo das familias parte protagonista do espectáculo mediante o canto e o acompañamento con instrumentos de percusión.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio