É unha actividade gratuíta que se organiza en colaboración co Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia. As inscricións xa están abertas no Pazo Besada, ata completar as prazas dispoñibles.
O proxecto “Mareas de Coñecemento” volve a Poio con catro seminarios sobre a saúde e a soidade non desexada, destinados para maiores de 50 anos e impartidos por profesores da Universidade de Vigo. É unha actividade gratuíta que se organiza en colaboración co Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, e as persoas interesadas en participar xa se poden anotar no Pazo Besada ou no teléfono 986 872 401 ata completar as prazas dispoñibles.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, presentou esta mañá a programación desta nova edición de Mareas de Coñecemento, acompañado de Fernando Cerdeira, director do Centro de Posgrado e Formación Permanente, e de Carmen María Abreu, coordinadora xeral do Programa de Maiores da Universidade de Vigo. “Un programa moi interesante para fomentar o envellecemento activo e dar reposta ás inquedanzas de todas esas persoas que queren seguir formándose e aprendendo da ciencia e da cultura independentemente da súa idade e, sobre todo, independentemente do lugar onde residan. Fóra das cidades, tendo a oportunidade de participar en iniciativas e propostas moi enriquecedoras”.
O primeiro seminario será “Hábitos para unha mente saudable”, o 20 de maio ás 16.30 horas na Casa Rosada. Durante tres horas, organizarase unha sesión teórico-práctica para abordar a relación entre os hábitos de vida e o coidado da saúde mental, destacando pequenas accións diarias e estratexias accesibles para manter a mente activa e equilibrada.
No caso da actividade “A saúde é o que importa”, impartirase os días 27 e 29 de maio na Casa Rosada, ás 16.30 horas. A primeira sesión inclúe formación en nutrición, exercicio e saúde, e o segundo día, organizarase unha sesión práctica cunha ruta cardio-saudable.
En xuño está programado o seminario “Coñecendo a fraxilidade”, o día 16 ás 16.30 horas. Inclúe sesión teórico-práctica sobre a fraxilidade, a sarcopenia a osteoporose. Por último, “Soidade non desexada” será o 20 de xuño, ás 17.30 horas, e trátase dunha sesión teórico-práctica sobre intelixencia emocional ante a soidade.
Os catro seminarios son independentes entre si, cada persoa pode inscribirse na formación que lle resulte máis interesante. Ademais, en ningún caso son precisos coñecementos previos nin titulacións xa que, como explicou Carmen María Abreu, trátase de sesións moi prácticas, nas que se explican e resolven cuestións que afectan e poden ser moi útiles para mellorar a calidade de vida e o día a día das persoas participantes. As catro propostas que se inclúen nesta edición de Mareas de Coñecemento son formacións novas que se incluíron recentemente ao programa.
Poio participa no programa Mareas de Coñecemento desde finais de 2023, “espertando grande interese entre a poboación máis maior e cunha participación moi alta”, recoñeceu o alcalde. De feito, recordou que nesa primeira edición organizáronse dúas formacións, o ano pasado ampliouse a tres e, xa neste 2025, serán catro os seminarios que se impartirán. “Desde o Concello de Poio estamos agradecidos e comprometidos con todas esas iniciativas encamiñadas a mellorar de xeito directo o benestar e a calidade de vida da nosa veciñanza. Porque nin residir fóra das cidades nin a idade deben de ser barreiras nin obstáculos para seguir acadando novos coñecementos”.