As festas de Fátima e San Xoán contarán con sendos puntos lilas de asesoramento e prevención da violencia machista

07/05/2024

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, subliña que “as festas e os concertos musicais son espazos de convivencia e todas as persoas temos dereito a disfrutar sen sentirnos acosadas, violentadas ou agredidas”.

O Concello de Poio instalará dous Puntos Lilas para concienciar e previr a violencia machista durante a celebración das festas de Fátima, concretamente o 16 de maio, e de San Xoán, e favorecer deste xeito a celebración “de festas seguras”.

Así o indica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, que sinala que estes serán puntos de referencia nos que informarse sobre a violencia machista, pero sobre todo, espazos seguros e tranquilos aos que poden asistir as vítimas en caso de agresión. Catro promotoras de igualdade atenderán e sensibilizarán na celebración de concertos sobre as agresións e, de ser o caso, ocuparanse de comunicar a situación ás forzas de seguridade para activar o protocolo de actuación.

No caso de Campelo, o Punto Lila do Concello de Poio estará instalado na rúa anexa á Praza da Granxa e coincidirá coa celebración do concerto da orquestra Panorama, unha das citas nas que se espera gran afluencia de público. “As festas e os concertos musicais son espazos de convivencia e todas as persoas temos dereito a disfrutar sen sentirnos acosadas, violentadas ou agredidas”, sinala Torres, que recorda que “as miradas e os xestos obscenos, as proposicións insistentes, os tocamentos sen permiso, os comentarios ofensivos e os comportamento sexistas e LGTBI-fóbicos tamén son formas de violencia”.

Os puntos lilas funcionarán en horario de 22.00 a 03.00 horas. Ademais, sinalan que é unha oportunidade para seguir concienciando “sobre esta lacra social” entre a poboación moza. “Permitiranos tamén traballar a prevención, identificación e sensibilización das diferentes formas de violencia contra as mulleres, especialmente a violencia sexual, e implicar tamén aos máis novos”.

Os puntos lilas e o material a repartir, tanto folletos como pulseiras, serán financiados con cargo aos fondos do pacto do estado 23/24.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio