As familias numerosas teñen ata o 31 de marzo para solicitar a bonificación do IBI, que reducirá os recibos entre o 40 e 90%

06/03/2025

Inclúense novos criterios, como a renda per cápita ou a progresividade, que teñen en conta o número de membros da unidade familiar.

As 235 familias numerosas empadroadas en Poio teñen ata o 31 de marzo para solicitar a bonificación do IBI aprobada polo Concello, que permitirá reducir os seus recibos entre o 40 e o 90%. A solicitude pódese facer ben a través do rexistro municipal ou da sede electrónica, e debe estar acompañada do título de familia numerosa vixente, certificado ou volante de empadroamento, declaración do IRPF dos integrantes da familia ou ben autorización á administración tributaria do Concello para acadar eses datos da Axencia Tributaria.

O Goberno local aprobou esta nova bonificación para introducir criterios de renda per cápita, é dicir, contempla no cálculo da renda o número de membros que forman parte da unidade familiar, e de progresividade, dous aspectos que ata o de agora non se incluían e que dan resposta ás demandas da Asociación Galega de Familias Numerosas. Con esta medida, máis familias poderán acceder ás reducións.

Para ser beneficiarios a renda da unidade familiar dividida polos membros da mesma non poderá superar o dobre do indicador público de renda de efectos multiples (IPREM) vixente referido a 12 pagas. Ademais, no caso de que teñan ata 3 fillos, o recibo reducirase un 40% e, a partir de aí, engadirase un 10% máis de bonificación por cada fillo na unidade familiar (50% para catro, 60% no caso de cinco… ata o 90% en caso de que sexan oito ou máis).

O alcalde, Ángel Moldes, anima a todas as familias numerosas do municipio a rexistrar as súas solicitudes. “É un trámite sinxelo con beneficios importantes para elas, unha medida real, xusta e necesaria que vai incidir de xeito directo no seu peto”.

A bonificación que se solicita agora manterá unha vixencia de cinco anos, sempre que non cambien as condicións do suxeito pasivo beneficiario, que nese caso deberá comunicar calquera cambio na condición de titular de familia numerosa. Tras eses cinco anos, deberá presentarse unha declaración responsable na que se faga constar que se manteñen as condicións para ser beneficiario da bonificación, e tamén antes do 31 de marzo do ano correspondente.

TRES BAIXADAS DE IMPOSTOS EN ANO E MEDIO

Ademais desta bonificación do IBI para as familias numerosas, o Concello de Poio 2025 tamén reduciu nun 5% o imposto de circulación ou viñeta e a taxa dos vados, e o recibo do Imposto de Bens Inmobles en catro puntos, do 0,47% actual ao 0,43%. “O cambio de tendencia é claro, queremos uns impostos e taxas xustos para a veciñanza do noso concello”, explica o alcalde.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio