As comparsas tinguiron onte pola noite de cor, música e animación a primeira Pasarela de Entroido de Poio, que o concello organizou na Seca. Ata ben entrada a noite, gozaron ao son da música da discoteca móbil Dolce Vita, pero antes As Sonecas, 100Tolos, Os Canecos, Grupo de Entroido de Samieira, Politicamente Incorrectos, Os da Caña, Miúdos, Cor Café e Os Paparrulos exhibiron unha a unha as súas creacións, sons e bailes ante o público.
O xurado, composto por profesionais locais de diferentes eidos, fixeron mencións especiais á orixinalidade, que entregaron aos Paparrulos; vestiario, Cor Café; imaxe, para Os Canecos; animación, Os da Caña; coreografía, Grupo de Entroido de Samieira; interpretación musical, para os 100Tolos e máis elaborado, As Sonecas.
Antes, pola tarde na carpa da Seca, os máis pequenos gozaron da festa familiar de entroido, coa animación de Barafunda.
O entroido de Poio continúa mañá, domingo, co desfile. Sairá ás 12.00 horas desde a Biblioteca Municipal e remate do percorrido na Praza da Granxa, en Campelo. Alí será o fin de festa matinal con animación musical e entrega de premios aos mellores disfraces. Os participantes en categorías infantil e por parellas aínda están a tempo de participar no concurso, xa que poden anotarse o propio día, na contorna da biblioteca, entre as 9.30 e as 11.00 horas.
Con respecto aos premios, repartiranse 4.450 euros e as categorías nas que se pode concursar son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). Haberá tamén premios especiais choqueiro e animación. A estes premios que outorga o Concello de Poio hai que engadir o premio de 200 euros en vales que outorgará a asociación EnPoio ao disfrace máis elaborado durante o Desfile de Entroido.