A finais de decembro ofrecerán un concerto en directo para amosar o seu traballo.
As tres bandas que participan no Poio Sesións continúan avanzando nos seus proxectos musicais. Si a pasada fin de semana recibiron asesoramento musical e lingüístico da man do produtor Juan Pérez, este venres e sábado será quenda da gravación e edición de son co técnico Juan Mariño no Centro Cultural Xaime Illa. Unhas sesións nas que os participantes, mozos e mozas que conforman as tres bandas que participan nesta primeira edición, reciben todo tipo de ensinanzas, consellos e visión sobre as súas composicións, as melodías ou os propios arranxos para gravar as súas maquetas en formato MP3.
Os seguintes pasos serán a gravación e edición dun vídeo musical, a finais de novembro, que terán como escenario diferentes lugares emblemáticos de Poio, e por último, un concerto en directo en decembro onde o público poderá comprobar e disfrutar de todo o traballo feito durante as últimas semanas.
Nesta primeira edición participan tres bandas: de música rock, música folk e urbana, cuxos integrantes están recibindo asesoramento e formación gratuíta da man de profesionais. Todos eles, veciños e veciñas de Poio, igual que os tres profesionais que participan no asesoramento musical, de son e audiovisual.
Poio Sesións é a aposta nova do Concello, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, para apoiar a creación musical emerxente no municipio, unha iniciativa que permite acelerar proxectos e amplificar xéneros en galego entre bandas de persoas mozas non profesionais.