Aprobado o recoñecemento extraxudicial de crédito que permite pagar as 9 facturas que se deben desde hai un ano polas obras de Vilariño

27/03/2024

Consenso no pleno de marzo para aprobar un recoñecemento extraxudicial de crédito que permitirá pagar as nove facturas que se deben desde abril de 2023 polas obras en Vilariño. Unha débeda que ascende a 102.253,18 euros, divididas en nove facturas: 2.641,19 euros para a canalización entre estrada Xalouriño a Escusa; 6.956,21 euros para mantemento na zona do río; 13.562,58 euros para a accesibilidade e recollida de pluviais en Sartal; 16.904,69 euros para mellorar accesibilidade e recollida de pluviais en Vilariño de Abaixo, tramo 1, e 16.560,47 euros para o tramo 2; 5.379,132 euros para recollida de pluviais tamén en Vilariño de Abaixo; 7.440,90 euros para traballos de reparación en Xalouriño; 16.755,11 euros reparación da estrada de Vilariño a Campañó; e 16.053,31 euros para reparación da estrada de subida á Escusa.

Nove facturas para as que no seu momento non se tramitou o correspondente contrato menor de obras, tal e como correspondería segundo advirten desde o servizo de intervención, vulnerando polo tanto o principio de publicidade e concorrencia e para o que, ademais, non había crédito dispoñible nos orzamentos. Do mesmo xeito que acontece co muro do Xuviño, cuxas catro facturas tamén se inclúen neste recoñecemento extraxudicial de crédito, esta actuación “casualmente” se fixo antes das eleccións municipais do ano pasado, se deixou sen pagar e sen consignación nos orzamentos.

Para o Goberno, explica Moldes, o obxectivo e preocupación é conseguir pagar todos os traballos que están feitos, que non exista ningunha factura pendente de aprobación rexistrada en exercicios anteriores a 2024 e sanear as contas municipais. “O prioritario é pagar as débedas que eles deixaron polos traballos que fixeron en Vilariño ou mesmo no Xuviño con tanta présa antes das eleccións municipais”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio