Aprobadas a liña de axudas para apoiar o deporte local

05/03/2024

Este ano amplíase a tres liñas de subvencións, e ademais de incluír clubs e deportistas federados, tamén engade como principal novidade equipos nas categorías de veteranos.

O Concello de Poio aproba as bases de axudas para fomentar o deporte local, que este ano amplía a tres as liñas de subvencións que están destinadas para clubs e entidades que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións; deportistas federados empadroados en Poio cunha antigüidade mínima de un ano e que compitan en modalidades deportivas de carácter individual; e clubs de fútbol con equipos que disputen competicións nas categorías de veteranos.

A través destas axudas, que se outorgan conforme a principios de obxectividade, igualdade, concorrencia e publicidade, preténdese apoiar e fomentar as actividades deportivas desenvoltas polos clubs e deportistas individuais beneficiarios, colaborando deste xeito co financiamento dos custos económicos da súa participación en competicións de carácter federado.

Os interesados disporán dun prazo de quince días para solicitar estas axudas, a contar desde o día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, que será nos próximos días. Nos casos das liñas 1 e 3, para entidades e clubs deportivos e equipos que compitan nas categorías de veteranos, a solicitude presentarase exclusivamente pola sede electrónica do Concello de Poio. Entre outra documentación, deberán aportar memoria descritiva da actividade para a que solicitan a subvención.

Entre os gastos subvencionables con cargo a estas axudas inclúense, por exemplo, licencias federativas, seguros deportivos de accidentes e responsabilidade civil, cotas de inscrición en competicións federadas, gastos de transporte, manutención e aloxamento para asistir a competicións, salarios de adestradores, e outros gastos propios da participación en competicións federadas que deben asumir os clubs, e todos eles correspondentes á tempada que abranga entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024.

Para a liña 1, destínanse 28.150 euros, para a liña 2, un total de 4.000 euros e para a 3, 2.000 euros. Estas subvencións son compatibles con outras axudas ou ingresos que reciban os beneficiarios doutras entidades públicas ou privadas.

Ademais desta liña de axudas, o Concello de Poio tamén reparte este ano 72.980 euros entre quince clubs para colaborar co desenvolvemento das escolas deportivas municipais, que contan este curso con 725 alumnos inscritos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio