Natalia Sabarís destaca que “é unha oportunidade para descubrir novas propostas, ler títulos e obras que, quizáis, doutro xeito non elixiríamos nas estanterías da biblioteca e que, ao final, acaban por atraparnos e somerxernos na lectura”.
O Concello de Poio, a través da Biblioteca Municipal, pon en marcha a segunda edición do Reto Lector, unha iniciativa destinada a fomentar a lectura e a espertar o gusto por diferentes xéneros narrativos que convida aos usuarios a ler unha proposta diferente para cada mes do ano.
Así, por exemplo, a proposta de lectura para o mes de xaneiro é unha ópera prima; en febreiro, un libro protagonizado por unha muller; en marzo, libros que falan de libros; un clásico da literatura xuvenil para abril; en maio un libro prohibido ou censurado; unha novela gráfica ou manga para o mes de xuño; unha novela ambientada nalgunha cidade pola que transcorre o Camiño de Santiago é a proposta para xullo; un libro de non ficción en agosto; en setembro, unha biografía; un audiolibro en outubro; unha novela epistolar en novembro; e, para rematar o reto, un libro publicado na data do nacemento do participante para o mes de decembro.
Para participar nesta segunda edición do Reto Lector basta con estar en posesión do carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e teñen que inscribirse no mostrador de préstamo da Biblioteca Municipal de Poio, onde se lle facilitará unha cartilla de control que cada participante irá selando cada mes ata superar o reto. O premio é ler, descubrir novos xéneros, títulos e escritores, pero tamén todas as persoas que superen o reto activarán un poder, que eliminará unha sanción por devolución fóra de prazo na biblioteca durante o 2026 e un agasallo sorpresa.
Desde a concellería de Cultura, Natalia Sabarís, anima á veciñanza a sumarse a esta iniciativa: “é unha oportunidade para descubrir novas propostas, ler títulos e obras que, quizáis, doutro xeito non elixiríamos nas estanterías da biblioteca e que, ao final, acaban por atraparnos e somerxernos na lectura”. Nese senso, subliña que na primeira edición do reto participaron quince persoas e practicamente todas as propostas de lectura tiveron moi boa aceptación.