Ángel Moldes solicita unha reunión na Subdelegación do Goberno para incluír no modificado do Nudo de Bombeiros unha saída da AP-9 en Portosanto

29/10/2025

A nova saída aproveitaría terreos estatais, é asumible tecnicamente e reforzaría a fluidez, mobilidade e seguridade do tráfico na zona. Propón ademais a instalación de pantallas acústicas que contribúan a minimizar o ruído xerado pola autopista ao seu paso polo concello.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, solicitou unha reunión na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para expoñer a posibilidade de construír unha nova saída da AP-9 en Portosanto. O rexedor considera que a necesidade de redactar un proxecto modificado do Nudo de Bombeiros supón unha oportunidade para incorporar esta mellora, que permitiría desconxestionar o tráfico na contorna da Barca, que na actualidade é o punto con maior intensidade de circulación da provincia e o terceiro de Galicia, con máis de 23.000 vehículos diarios, dos cales 1.200 son pesados.

A proposta contempla a construción de un novo carril de desaceleración e unha conexión de entrada coa estrada autonómica PO-309, paralela á saída xa existente. Esta vía autonómica é unha estrada ancha e de dobre sentido, o que simplificaría moito a construción. Ademais, a parcela sobre a que habería que actuar é xa propiedade do Estado, polo que a intervención non implicaría un investimento elevado nin unha gran complexidade técnica, mais si tería un forte impacto positivo na mellora da mobilidade, seguridade e fluidez do tráfico en toda a zona.

Ademais desta proposta, Moldes tamén solicitará a instalación de pantallas acústicas que minimicen o ruído que xera a autopista ao seu paso polo concello.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio