Esta mañá “O alcalde, máis preto de ti” reuniu a máis de quince persoas en Raxó.
O alcalde, Ángel Moldes, trasladouse esta mañá en Raxó para participar nun novo encontro a través do programa “O teu alcalde, máis preto de ti”. Foi no Centro Cultural Xaime Illa, ata o que se achegaron máis de quince veciños para expoñer as súas opinións, propostas e inquedanzas.
O encontro serviu para analizar as obras realizadas no acceso ao Porto de Raxó, e fixeron tamén varias propostas para mellorar a seguridade viaria en diferentes lugares da parroquia, aumentando os pasos de peóns e ampliando os tramos de beirarrúas. Tamén propuxeron adaptar o badén en Caneliñas, reducindo a altura e evitar que toquen os coches que circulan por esa rúa, así como ofrecer máis cursos e actividades no Xaime Illa, dado o éxito que están tendo as actividades de Saudamente que se están organizando para persoas maiores na actualidade.
Coa de Raxó, péchase o percorrido de reunións do mes de novembro a través deste programa que, segundo valora o alcalde, “foi un éxito, non só pola participación que fomentou, senón tamén porque supuxo unha oportunidade para achegarnos ás persoas, para darlles a oportunidade de opinar, de facer propostas, de sumar”. Unha opinión que tamén comparten as persoas que se están achegando a estas reunións.
Neste senso, Moldes indica que “a política de proximidade é achegarte aos veciños e veciñas para escoitalos e atendelos. Entender que hai moitas cuestións que, aínda que poden parecer menores, son moi importantes para mellorar a calidade de vida das persoas ás que lles afecta”. E, indica, “isto é o que estamos facendo percorrendo o concello, facer unha labor de escoita, dando prioridade ás persoas e demostrando que, vivan onde vivan, teñen moito que aportar para mellorar o noso concello”.
“O alcalde, máis preto de ti” é un programa de participación cidadá que pretende achegar a administración local e a atención aos veciños de todas as parroquias. Busca fomentar o contacto directo coa veciñanza, trasladando a Alcaldía desde San Xoán a San Salvador, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó.
Rematado a primeira quenda de reunións en todas as parroquias, o alcalde volverá o próximo xoves, 7 de novembro, ao Pazo Besada para recibir á veciñanza de San Salvador, entre as 10.00 e as 13.00 horas. A reunión en Campelo será o luns, 21; en Combarro, o mércores 27; en Samieira, o xoves 5 de decembro; e en Raxó, o luns 9.