O alcalde de Poio, Ángel Moldes, recibiu na Casa do Concello a Anna Canzani, unha moza suíza que está a realizar unha ruta en bicicleta por varios países de Europa e que chegou este luns a Poio, onde permanecerá uns días visitando unha amiga, Laura Abilleira, veciña do municipio.
Anna, de 26 anos e natural de Zúrich, saíu de Suíza o pasado 7 de maio rumbo a Cabo Norte, en Noruega, nunha viaxe en solitario que a levou por Alemaña, Austria, República Checa, Polonia, os Países Bálticos e Finlandia. Desde Cabo Norte emprendeu o camiño cara ao sur e continuou a súa ruta por Suecia, Dinamarca, os Países Baixos, Bélxica, Francia e España. Canzani durme a maior parte do tempo na súa tenda de campaña, pero en Poio aloxarase na casa da súa amiga.
Tras catro meses de viaxe e cunha media de 120 quilómetros por xornada de pedaleo, chegou a Poio, onde foi recibida por Ángel Moldes. O alcalde interesouse pola súa experiencia e agasallouna cun libro sobre o municipio como lembranza da súa estancia, durante a que aproveitará para visitar algúns dos lugares máis emblemáticos de Poio.