Ángel Moldes: “Onde había unha necesidade desde hai décadas, hoxe hai un espazo para practicar deporte, xogar e encher de vida”

28/09/2026

A veciñanza de Vilariño estreou esta tarde a nova área deportiva e de lecer.

O Concello de Poio inaugurou hoxe a nova pista polideportiva de Vilariño, unha actuación coa que amplía as infraestruturas dispoñibles nesta zona e dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza, que levaba décadas reclamando novos espazos para o deporte, o lecer e a convivencia.

O alcalde, Ángel Moldes, participou esta tarde na apertura das novas instalacións xunto ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, membros do Goberno local e co protagonismo da veciñanza de Vilariño. Durante a inauguración destacou que esta actuación “fai realidade unha demanda veciñal despois de dúas décadas de incumprimentos”.

“Estamos dando resposta a un dos nosos compromisos de Goberno. Dixemos que Vilariño necesitaba máis espazos de esparcemento e hoxe é un feito”, sinalou Moldes, quen incidiu en que o obxectivo é poñer a disposición da veciñanza novos lugares nos que poder convivir, practicar deporte e disfrutar ao aire libre.

A actuación, financiada con fondos da Deputación de Pontevedra, desenvolveuse nun terreo de máis de 1.700 metros cadrados na rúa Vilariño de Abaixo. Neste espazo creouse unha pista multideporte, segura e versátil, que permite a práctica de diferentes modalidades como fútbol sala, balonmán ou baloncesto, entre outras. A instalación conta con peche perimetral, porterías, canastras, rede para diferentes deportes, céspede fibrilado e iluminación con tecnoloxía LED.

A nova área permite ampliar as alternativas de lecer e responder á demanda da veciñanza de Vilariño de contar con novos espazos públicos nos que socializar e practicar deporte ao aire libre. O proxecto permitirá, ademais, seguir avanzando na mellora e ampliación deste ámbito recreativo.

“Poñemos a disposición de toda a veciñanza unha área totalmente rehabilitada, cunha pista multideporte e con novos espazos para o recreo. Queremos que sexa un lugar para todas as idades, para compartir e para facer vida en Vilariño”, explicou o alcalde.

Moldes puxo esta actuación como exemplo da transformación que está protagonizando Poio en todos os lugares e todas as parroquias, respondendo ás necesidades dos diferentes núcleos do municipio. “Este é o mandato dos feitos. Aquí había unha necesidade desde hai décadas e hoxe hai unha pista para practicar deporte, para xogar e para encher de vida”, afirmou.

A adquisición do terreo foi un paso fundamental para poder desenvolver o proxecto. O alcalde agradeceu expresamente a colaboración da familia propietaria da parcela por facilitar a súa venda ao Concello de Poio, xa que, segundo explicou, “era a localización perfecta” polas súas características e pola proximidade ás vivendas e aos equipamentos xa existentes.

A inauguración celebrouse cunha xornada aberta á veciñanza, con especial protagonismo para a cativada e as familias, que puideron estrear xa as novas instalacións e participar en partidos e xogos nas novas zonas de xogo e deporte.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio