No acto institucional organizado polo Concello de Poio para render homenaxe a Alexandre Bóveda polo Día de Galicia Mártir: “A mellor homenaxe que podemos facerlle é ir polo eido do consenso e da non confrontación”.
O Concello de Poio conmemorou esta mañá na Caeira o Día de Galicia Mártir, coincidindo co 88º aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, e que contou coa asistencia do alcalde, Ángel Moldes, do conselleiro de Cultura, José López Campos, do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, así como da filla e presidenta da Fundación Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda, e do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, entre outros asistentes.
Durante a súa intervención, Ángel Moldes, subliñou que “é un día importante para que persoas con ideas diferentes, con proxectos políticos distintos, poñamos en valor a figura do que representa Bóveda”. Precisamente, subliñou, “esta é a mellor homenaxe que lle podemos facer: ir polo eido do consenso e da non confrontación, porque isto é o que nos demanda a cidadanía, que está cansa de debates estériles e de que se sinale por pensar diferente. Ter a capacidade de respectarnos, de escoitarnos e de dialogar”.
Ademais, asegurou que “desde o Concello de Poio queremos que o protagonismo hoxe sexa exclusivamente para Alexandre Bóveda, é importarte coñecer a súa traxectoria, a súa obra e todo o seu legado, que continúa moi vixente a día de hoxe. O coñecemento da nosa historia é fundamental para non repetir episodios tan terribles e dramáticos”.
Por último, afirmou que “desde o Concello de Poio condenamos todas as ditaduras, ninguén pode ser sinalado polas súas ideas, por pensar diferente, e todas as persoas deben ter a liberdade de decidir e de pensar libremente”. Por iso, incidiu en que o seu compromiso como alcalde é seguir celebrando cada ano esta homenaxe “coa esperanza de que nós, como cidadáns, saibamos coller esta mensaxe, corrixir todo o que aconteceu no pasado e non repetilo no futuro”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, que foi a encargada de conducir o acto, recordou que “a só uns metros de aquí, tivo lugar un dos moitos asesinatos inxustos e inxustificables cometidos durante a guerra a tantas persoas, mártires galegos, cuxo único crime foi o das ideas. Así pois, con Alexandre Bóveda lembramos tamén a todos os asasinados e represaliados”. Sobre Bóveda, subliñou que “o seu legado segue estando moi vixente: a súa defensa da democracia, da liberdade e do seu amor incondicional por Galicia. O seu galeguismo integrador e non excluínte. O seu carácter conciliador. Todos eles valores que nos deben unir a todos”, e marcouse como reto e compromiso “esforzarnos conxuntamente para achegar a figura e a obra de Alexandre Bóveda á xente nova”.
Tras os discursos e a entrega da Fundación Alexandre Bóveda do XVIII Premio Galicia Mártir a Manuel Pazos, realizouse a tradicional ofrenda floral por parte de entidades e institucións, e a interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio pechou o acto.