Destaca que “simboliza o noso compromiso e preocupación pola infancia, pola conciliación e por crear un lugar no que medrar con seguridade, servizos e oportunidades”.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, recibiu esta mañá aos 22 bebés nados no municipio durante o último trimestre de 2025 nun acto celebrado no salón de plenos, no que lles deu a benvida oficial e fixo entrega da Caixa Benvida.
Durante o encontro, no que participaron as familias, Moldes explicou que esta iniciativa “é unha maneira simbólica de dicirvos que este concello se preocupa pola infancia, pola conciliación e por crear un lugar no que medrar con seguridade, con servizos e con oportunidades”.
Nun salón de plenos ateigado de bebés, pais, nais e irmáns, o alcalde agradeceu ás familias que “apostedes polo noso concello para establecer os vosos fogares e desenvolver aquí os vosos proxectos de vida”, e trasladou os seus mellores desexos a Enzo, Alma, Nicolás, Naia, Marco, Enya, Celestino, Manuel, Iker, Nico, Emma, Lucía, Hugo, Camila, Noa, Vicente, Matilda, Xoel, Noemí, Liam, Sofia, Leila e Lúa.
A cada unha das familias fíxoselle entrega dunha Caixa Benvida, que inclúe diversos produtos infantís para os primeiros meses de vida, “un pequeno agasallo para demostrarlles que cada un deles xa é parte importante do noso concello. Hoxe non só recibimos bebés, hoxe damos a benvida a novas veciñas e veciños que xa forman parte da vida e do futuro do noso municipio desde o seu primeiro día”.
Moldes destacou tamén que o ano 2025 “deixounos un dato que nos enche de orgullo”, con 70 nacementos rexistrados en Poio. “Setenta novas razóns para crer no futuro, setenta familias que apostan por vivir aquí. Somos un concello que medra e estes nenos e nenas son a mellor garantía de que Poio segue vivo, dinámico e cheo de futuro”.
Neste sentido, o alcalde subliñou a importancia de continuar impulsando servizos e medidas orientadas á mellora da calidade de vida e ao benestar das familias, e puxo como exemplo iniciativas como a bonificación do IBI entre o 40% e o 90% para familias numerosas, a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá de Poio, as axudas para reducir o prezo do comedor escolar, os espazos Concilia durante os meses de verán con máis de 1.000 prazas, a creación de novas áreas lúdicas e de lecer ou unha programación cultural anual atractiva e variada, entre outras.