Ángel Moldes e Margarita Ardao analizan os avances no polígono de Fragamoreira

04/06/2024

Moldes reitera que esta área industrial é “vital” para o desenvolvemento económico de Poio, e o plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) da futura área industrial, que está neste momento en proceso de licitación, será o primeiro paso para conseguilo.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, mantivo en Santiago de Compostela unha reunión de traballo con Margarita Ardao, a nova directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, así como co secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, para facer un seguimento dos avances que se están dando desde a Xunta para impulsar o desenvolvemento do polígono de Fragamoreira.

Moldes reiterou á nova directora xeral que este polígono é “vital” para o desenvolvemento económico de Poio, e o plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) da futura área industrial, que está neste momento en proceso de licitación, será o primeiro paso para conseguilo, xa que vai permitir definir e planificar o terreo.

Sete consultoras de arquitectura e enxeñería presentaron as súas ofertas para deseñar o futuro polígono industrial de Poio. O futuro polígono de Fragamoreira está previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), que foi aprobado definitivamente polo Goberno galego no pasado mes de decembro.

O parque empresarial disporá dunha superficie bruta de preto de 390.000 metros cadrados. Deles, a Xunta é propietaria de máis de 73.000 metros cadrados (preto do 20% dos terreos incluídos na planificación) que foron adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e Xestur por importe de máis de 2,5 millóns de euros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio