Recoñecemento a Amelia González: «Desde o mesmo momento en que se anunciou o nome da homenaxeada, foron moitas as persoas que se achegaron para expresar o seu cariño, unha demostración de ata que punto esta homenaxe é sentida e compartida por toda a veciñanza”.
O Concello de Poio celebrou hoxe a III Gala da Hostalaría, unha cita que reuniu no Pazo de Colón a representantes do sector nunha festa para recoñecer e poñer en valor o talento local e reivindicar o papel turístico e gastronómico do municipio.
Durante o evento entregáronse os galardóns do público e o xurado aos establecementos gañadores da terceira edición de TapeaPoio, así como máis de sesenta premios sorteados entre as persoas que degustaron e valoraron as distintas tapas, cun total de preto de 10.000 euros en premios a clientes e restauradores, aportados por empresas e colectivos do municipio. Ademais, o Concello de Poio aproveitou a Gala da Hostalaría para outorgar o I Delantal de Honra a Amelia González, cofundadora de Casa Solla e figura pioneira da gastronomía de Poio e de Galicia.
«Era de xustiza recoñecer a traxectoria de Amelia González, unha muller pioneira e referente da gastronomía galega que, desde a discreción e o traballo constante, contribuíu de maneira decisiva a construír unha historia de éxito da que hoxe Poio se sente profundamente orgulloso”, destacou o alcalde, Ángel Moldes durante a súa intervención.
Moldes recoñeceu que o obxectivo desta homenaxe era expresar gratitude e admiración, “obxectivos xa se están cumprindo desde o mesmo momento en que se anunciou o nome da homenaxeada, xa que foron moitas as persoas que se achegaron para expresar o seu cariño, o seu respecto e a súa admiración. Nas rúas, nas conversas entre veciños e veciñas, escoitamos palabras de afecto e recoñecemento que demostran ata que punto esta homenaxe é sentida e compartida por toda a veciñanza”.
Durante a súa intervención, o alcalde puxo en valoración unha edición que consolida o TapeaPoio “como unha das grandes citas gastronómicas do noso concello. O incremento do 30% no consumo de tapas demostra a excelente resposta do público e o enorme traballo que realiza o sector hostaleiro de Poio para ofrecer propostas de máxima calidade».
O acto contou coa presenza do delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, da directora de Turismo da Deputación de Pontevedra, Romina Fernández, da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, e outros membros da corporación municipal, así como representantes das empresas e entidades colaboradoras e os membros do Xurado Experto.
A Gala serviu para recoñecer o talento e o esforzo dos profesionais que participaron nesta terceira edición, así como a implicación dos milleiros de persoas que percorreron os establecementos adheridos ao certame, degustando preto de 7.000 tapas vendidas, un 30% máis que na edición anterior.
Moldes subliñou a importancia dun sector que é “unha das nosas mellores cartas de presentación. Xera emprego, dinamiza a economía local e proxecta a mellor imaxe de Poio. Desde o Concello seguiremos apoiando iniciativas que contribúan a que o noso municipio teña vida, actividade e oportunidades durante todo o ano».
PREMIOS DO XURADO TAPEAPOIO 2026
O Xurado Experto, formado polos chefs con Estrela Michelín Xosé Cannas (Restaurante Pepe Vieira) e Pepe Solla (Restaurante Casa Solla), a empresaria e consultora gastronómica Marga Pazos (Salmoira) e o influencer culinario e de viaxes Alberto Rivas (Alvientoo), outorgou os seguintes premios:
Mellor Tapa Tradicional: Casa Ces, con “O cordeiro é a pera”.
Mellor Tapa Creativa: Evoca, con “Robaliza na primavera”.
PREMIOS DO PÚBLICO TAPEAPOIO 2026
Os premios outorgados polo voto do Público, que valorou as tapas mediante códigos QR e papeletas físicas, corresponderon a:
- Mellor Tapa Tradicional: Casa Ces, con “O cordeiro é a pera”. Segundo clasificado Bocoi con “Fabas con pulpo”.
- Mellor Tapa Creativa: Casa Ces, con “Como un porquiño”. Segundo clasificado Lameiriña, con “Zamburiña gold”.
Ademais, entregáronse placas de recoñecemento pola participación no III certame TapeaPoio aos demais establecementos participantes.
PREMIOS PARA O PÚBLICO
Repartíronse tamén 60 premios para o público participante:
- Menú degustación para dúas persoas no Restaurante Pepe Vieira
- Menú degustación para dúas persoas no Restaurante Casa Solla
- Tres cestas de produtos de alimentación Supermercado Froiz
- Cinco vales de 100 euros da Asociación de Empresarios EnPoio
- Cinco lotes de produtos gourmet de Conservas Pescamar
- Dez pasaxes para dúas persoas Naviera Mar de Ons
- Dez pasaxes para dúas persoas Cruceiros Pelegrín
- Dous bonos de estancia para dúas persoas Hotel Villa Covelo
- Dous menús gastronómicos para dúas persoas Restaurante LA Nueva Parada
- Estancia para dúas persoas en Casa Rural Xeitosiña
- Estancia para dúas persoas Ecogranxa Riomouro
- Cea para dúas persoas Restaurante Alvariñas
- Bono de estancia para dúas persoas en A Maquía
- Bono de estancia para dúas persoas en Hotel Stella Maris
- Estancia en aloxamento para dúas persoas en Hotel Combarro
- Estancia para dúas persoas Casa Rural As Adegas
- Estancia Familiar en Duerming O Casal da Martiña
- Cea para dúas persoas Asador O Remo
- Dous menús para dúas persoas en Chiringo Sinás
- Actividade náutica en Club Náutico de Raxó
- Vale de compra por 100 euros en Xardinería Aires da Terra
- Vale de 50€ combustible en Área de Servizo Redarse
- Estancia para dúas persoas en Albergue Ntra. Sra. Do Camiño
- Dous lotes de viño da Hospedería Mosteiro de Poio
- Rodicio para dúas persoas en Rodicio Porteliña
- Catro prazas para ruta guiada interpretativa coa Axencia Volta Montana
- Vale de compra de 50€ en Anara Joyas
- Tratamento corporal para unha persoa en Body Therapy (CC A Barca)
- Vale de 50€ en Área de Servizo Raxoil
- Sesión de equitación para dúas persoas na Escola de Equitación O Marruxal