O pregón de Juan Mariño, os premios ao deporte e a verbena no Campillo marcan o comezo dunha das grandes citas festivas do inicio do verán. Ata o sábado 27, os actos litúrxicos mesturaranse con programación cultural, propostas para toda a familia e as actuacións dalgunhas das mellores orquestras galegas para amenizar as veladas nocturnas: Os Satélites, Ritmo Xove, Charleston, Marbella, Panorama, Capitol e Kubo.
O San Xoán xa se vive con intensidade en Poio. A Praza do Mosteiro acolleu este luns o arranque oficial das festas patronais máis emblemáticas do municipio cun programa cheo de emoción e participación: o pregón de Juan Mariño, director da Escola de Acordeóns de Campelo-Poio, a entrega dos Premios ao Deporte San Xoán–Pepe Otero, e unha animada verbena no Campillo coa música do grupo local Azabache.
O alcalde Ángel Moldes salientou que o San Xoán é “un símbolo do que somos como pobo” e unha celebración “que reforza o orgullo de pertenza” ao municipio. Na súa mensaxe, destacou que estas xornadas forman parte da memoria colectiva de xeracións de veciños e veciñas e representan moito máis que unha programación festiva. “Hai celebracións que van máis alá da programación: son recordos, son infancia, son momentos que quedan nas lebranzas de cada un de nós”, sinalou, incidindo no valor emocional e social dunha festa que une á veciñanza arredor das súas tradicións.
O rexedor recoñeceu “o papel fundamental da veciñanza para manter viva unha tradición profundamente arraigada en Poio” e incidiu na importancia de que os propios poienses sexan protagonistas da celebración. “Se hai algo que fai grande o San Xoán de Poio é a súa xente. O ambiente, o entusiasmo e o sentimento de pertenza que se vive estes días conséguese grazas á participación da veciñanza, ás asociacións, aos colectivos, aos voluntarios e a todas as persoas que ano tras ano manteñen viva esta tradición”, destacou. Neste sentido, puxo en valor a figura de Juan Mariño, director da Escola de Acordeóns Campelo-Poio, polo seu compromiso coa cultura local e coa conservación da memoria colectiva do municipio.
Ademais, subliñou que o Goberno local continúa traballando para construír un Poio do que sentirse orgulloso, pensado para as familias, a mocidade e as persoas maiores, con oportunidades para vivir, traballar e emprender. O alcalde convidou a toda a cidadanía a participar nunha programación “feita con agarimo”, desexando que as festas transcorran nun ambiente de alegría, respecto, tolerancia e seguridade, facendo do lume de San Xoán un elemento de unión para toda a veciñanza.
ENTREGA DOS PREMIOS AO DEPORTE SAN XOÁN-PEPE OTERO
A xornada inaugural comezou coa actuación do grupo Máis Cantos, cun pasarrúas anunciando o inicio do San Xoán de Poio desde a rúa Fernández de la Mora ata a Praza do Concello, onde os gañadores do concurso dos carteis de San Xoán deste ano recibiron os seus agasallos Alba Cochón, Adriana Rodelgo, Elia Millán, Minerva Sartal e Xabier Calvo.
Posteriormente, entregáronse os premios San Xoán-Pepe Otero, que este ano recoñeceron os éxitos deportivos de Adrián Sieiro Barreiro, que vén de proclamarse Campión da Copa do Mundo en C-2 e con grandes apiracións para participar nos próximos Xogos Olímpicos; a Valeria Oliveira Otero e Alba Rodríguez Requejo, palistas do Piragüismo Poio campioas da Copa de España en C-2; e a Reserpón Poio Pescamar, por acadar esta tempada un ascenso histórico a terceira nacional.
Ademais, tamén subiron ao escenario para recoller as súas distincións especiais, na categoría masculina, Javi Rodríguez, polo seu debut coa Selección Española de Fútbol; Cristian Fernández Nieto, campión galego de acuatlón; Alejandro Pérez Otero, campión galego de ILCA-4 (vela); Ricardo Escudero Sobrado, campión da Copa de España de Descenso en 2025 (bike); Lucas Alvariñas Iglesias, primeiro no ránking MiniBTT nas tempadas 2023, 2024 e 2025; Joel Núñez Jiménez, campión galego de altura sub-14 (atletismo); e Martín Amorín González, campión galego de A2 en clase ORC extra (vela).
Na categoría feminina, as mencións foron para Lola Ferro Guiance, campioa de España en Idade Escolar (ximnasia rítmica); Eva Martínez, bronce no Campionato Galego de Ximnasia Rítmica; Paula González Esteban, campioa galega de Vaurien (vela); Lía Peón Taboada, gañadora de todas as probas galegas de BTT nas que participou; Antía Núñez Jiménez, campioa galega de altura sub-10 (atletismo); e Carolina Mastawesha Santos Villalón, campioa galega sub-23 en 800 metros e 1.500 metros (atletismo).
Con respecto aos equipos, entregouse este recoñecemento aos equipos Balonmán Poio Artai, campión galego de 1º autonómica; Atlético Combarro, polo seu ascenso a 1º Rexional; Atlético Combarro Veteráns, campión de Liga e Ascenso a División de Honra; Atlético Combarro Prebenxamín, campión de Liga; Poio Pescamar Xuvenil Masculina, polo seu ascenso a Preferente; Poio Pescamar Infantil masculino, campión de Liga; Poio Pescamar Benxamín A, campión de Liga e Copa; Poio Pescamar Prebenxamín B, campión de Liga; Poio Pescamar Biberón, campión de Liga e Copa; e Poio Pescamar Infantíl Feminino, campioas da Copa Galicia.
A maiores, premiouse á AAVV de Lourido, polo 30 aniversario dos Xogos Deportivos de Lourido; ao Club Mariño A Reiboa, polo 30 aniversario da Concentración de Embarcacións Tradicionais; ao Club Ximnasia Rítmica Saraiba, que tamén celebran tres décadas desde a súa fundación; ao Poio Bike Club, que cumpre unha década; a Para-Bellum Fight Club, polo seu 15 aniversario; e, por último, a José Luis García Castiñeira, ex árbitro de fútbol, en recoñecemento a toda u nha vida adicada ao deporte e aos valores que representa.
A xornada deste domingo rematou coa música en directo do grupo local Azabache na Praza do Mosteiro e coa degustación de rosca e viño entre os asistentes.
UN SAN XOÁN CON PRETO DE 240 CACHARELAS EN POIO
O espírito tradicional da noite do San Xoán estará máis vivo ca nunca en Poio, cunha participación récord. O Concello recibiu preto de 240 solicitudes de particulares para prender cacharelas o martes á noite, tanto en terreos privados como en espazos públicos.
En canto ás praias, só estarán autorizadas fogueiras nos areais de Sinás, Raxó, Laño, Ouriceira, O Padrón, Campelo (porto) e Lourido, sempre que cumpran estritamente as normas de seguridade establecidas.
A noite do martes incluirá tamén a tradicional sardiñada popular, organizada polo Concello a partir das 21.30 horas na Seca, seguida do prendido da fogueira municipal e dun espectáculo de lume, que reunirá a veciñanza e visitantes nun dos eventos máis agardados do verán. A música correrá a cargo da orquestra Os Satélites.