ÁNGEL MOLDES ANUNCIA A PRIMEIRA BAIXADA DE IMPOSTOS E TAXAS DO MANDATO E DOS ÚLTIMOS ANOS: “É UN DÍA HISTÓRICO EN POIO”

13/01/2024

2023.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, anunciou hoxe a primeira baixada de impostos e taxas do novo Goberno para este mandato e, como mínimo, tamén dos últimos 20 anos. “Este goberno é coherente e responsable. Despois de moitos anos de falsas promesas, estamos no mandato dos feitos”, sinalou. Será no imposto de circulación ou viñeta e na taxa dos vados, que en ámbolos dous casos reducirán un 5% os recibos dos veciños. E os impostos que aínda non se rebaixan se conxelan, é dicir, non se aplica a subida do IPC.

“É un día histórico para Poio. Segundo nos comentan os técnicos municipais, non recordan que houbera outra diminución de impostos ou taxas neste concello”, manifestou o rexedor, ao tempo que puntualizou que “é certo que en 2015 minorouse o tipo impositivo da plusvalía do 23 ao 20%, pero en realidade foi unha compensación porque subiron as porcentaxes dos tramos por anos. Así pois, estamos nunha etapa nova, nun claro momento de cambio”. 

Moldes incidiu en todo momento que esta é a primeira de baixas graduais de impostos e taxas que realizarán este mandato. “Queremos que os nosos veciños teñan uns impostos xustos, que deixen de pagar os recibos máis caros da provincia, e por iso, no primeiro semestre desde que collemos o Goberno, facemos xa realidade esta primeira baixada. Empezamos a cumprir o noso compromiso”. Como exemplo, indicou que Poio tiña o vado máis caro da provincia, con excepción dunha rúa da cidade de Vigo.

Ademais, explicou que irán baixando impostos e taxas de forma gradual durante este mandato “para non comprometer a prestación de servizos municipais esenciais”. Recordou que a herdanza económica do concello é complexa, porque aínda que os veciños estaban pagando uns dos recibos máis caros de Galicia, os tres alcaldes “sumiron ao concello nunha situación económica moi preocupante que está comprometendo a nosa acción de goberno e as nosas decisións, que debemos tomar con responsabilidade e cautela”. Por iso, dixo que “si sendo o concello con máis débeda da provincia, con máis de un millón de euros en facturas sen pagar e partidas esgotadas nos orzamentos somos capaces de anunciar esta primeira baixada, estamos deixando claras cales son as nosas intencións”. 

Polo tanto, “aínda que para o Concello de Poio supoña un grande esforzo este plan de baixadas de impostos e taxas”, o certo é que este Goberno “é coherente e queremos facer no Goberno o que reclamamos na oposición”. 

Para contrarrestar esta diminución de ingresos, recordou que xa están aplicando na súa xestión “control de gasto e eficiencia. Non se pode gastar o dobre de cartos que hai nos orzamentos, e faremos moito máis con menos recursos”. 

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio