Ángel Moldes agradece aos impulsores “poñer a semente” dunha festa “que supón unha oportunidade enorme para Poio”

19/10/2024

Entregouse a Ameixa de Prata a vinte mariscadoras e mariscadores xubilados no último ano. A programación ampla e para todas as idades continúa mañá sábado e o domingo, coa apertura dos postos de degustación ás 12.00 horas.

A Festa da Ameixa de Campelo inaugurouse esta tarde cunha homenaxe á xente do mar, na que se fixo entrega da Ameixa de Prata do Concello de Poio ás mariscadoras que se xubilaron no último ano e se recoñeceu o papel das mulleres e dos homes que impulsaron esta celebración. Un acto que estivo presidido polo alcalde, Ángel Moldes, e contou coa asistencia do presidente da Deputación, Luis López, membros da corporación municipal, representantes das confrarías e das agrupacións de marisqueo, de asociacións culturais, veciñais e deportivas de Campelo e das empresas do sector.

“Gracias de corazón por poñer a semente dunha festa que xa é un referente e que representa unha oportunidade enorme para Poio: unha aposta pola desestacionalización e sostibilidade turística, pero tamén para poñer en valor a cultura mariñeira e marisqueira da vila de Campelo”, destacou Moldes durante a súa intervención para render homenaxe aos precursores da festa, desde os promotores, membros da Asociación de Veciños de Campelo, ata as cociñeiras dos restaurantes colaboradores e as depuradoras que facilitaban o produto: Ricardo Collazo, José María Cores, Ricardo Pérez, Pedro Luis Soto, Ramón Blanco, Rafael Caldas, restaurantes Aquí Está, Casa Otilio, Bar Quiniela, Casa Laura, Ángela e José Benito Fernández Carballa. A título póstumo, tamén se recordará a Emilio Castiñeira, Jaime Pousada e Francisco Villaverde, todos membros da Asociación de Veciños de Campelo, e a Germán Alvariñas Ucha. “Queremos volver aos inicios, poñendo en valor o importante e convertendo a Festa da Ameixa no mellor escaparate para o sector do mar”, asegurou.

Ademais, o Concello de Poio tamén fixo entrega da Ameixa de Prata ás mariscadoras e mariscadores María Elena González, Elvira Padín, Juan Carlos Dacosta e Francisco Javier Ogando, da confraría de Raxó; Peregrina Arís, María Clara Castiñeira, Carmen Castiñeira, Mercedes Castro, Alejandro Cid, María del Pilar Fontán,
María del Carmen García, Luis González, Marina Lourenco, Ana Moreira e Josefina Paz, da confraría de San Telmo; e a Eugenia Caeza, Divina Lubián, Benito Martínez, Rosario Santiago e María Eugenia Soutullo, da confraría de Lourizán.

“Poio é mar, temos entre os nosos veciños centos de mariscadoras e mariscadores que cada día faenades nas nosas praias e bancos marisqueiros. Un oficio difícil, maioritariamente feminino, e ás veces complexo polas condicións do tempo. Pero un oficio que atrapa e envolve, porque a xente do mar nunca deixades de compartir ese sentimento de pertenza e para nós, sodes un dos nosos símbolos máis representativos e prezados”. Por iso, engadiu que “queremos poñer en valor o voso traballo, promocionar a Ameixa da Lonxa de Campelo, a que se extrae dos bancos marisqueiros da ría, e potenciar a súa calidade. Recoñecer a labor de todo un sector que traballa e se esforza cada día”. Porque, como engadiu, “poucas festas poden presumir de levar o produto directamente da ría ao prato. E iso é o que imos facer esta fin de semana, ofrecer aos nosos veciños e visitantes o produto estrela da nosa ría, a ameixa que desde o martes estiveron recollendo con esforzo as nosas mariscadoras e mariscadores. A todas elas e eles, o meu máis sincero agradecemento”.

Tras o acto institucional, os asistentes xa puideron degustar as primeiras racións de ameixa á mariñeira, ameixa con fideos e ameixa con arroz nos postos de venta que, por primeira vez, se abriron xa desde o venres. Os Chispas do Lérez e Pontis Veteris puxeron a música no certame de Canción Mariñeira.

PROGRAMACIÓN DO SÁBADO E DOMINGO

A Festa da Ameixa continúa mañá sábado e o domingo. Os postos de degustación abrirán ás 12.00 e ás 20.00 horas, pero durante todo o día haberá programación e propostas para todos os gustos e todas as idades. Vides Novas actuará mañá ás 12.00 horas, coincidindo coa apertura dos postos de degustación. A sesión vermú, amenizada polo grupo Terapia de Grupo, será ás 13.00 horas. Para os máis pequenos, haberá ludotecas e obradoiros infantís gratuítos, entre as 13.00 e as 17.00 horas, e pola tarde o espectáculo familiar “Máis Saaabor”, unha proposta cómica para o público infantil e familiar de creación propia e dirixida por Avelino González en torno ao mundo da gastronomía e a alimentación saudable. Máis Saaabor! mestura música en directo, maxia, humor, moito ritmo e participación do público.

No apartado musical, a proposta inclúe, desde as 21.30 horas, os concertos de Gustavo Almeida, que reúne o pop máis sofisticado e a música de autor do Brasil; do dúo Azúcar Moreno, que están celebrando o seu 40 aniversario na música cun espectáculo no que repasan os seus grandes éxitos, entre os que se inclúen Devórame otra vez, Bandido ou Solo se vive unha vez; e o fin de festa porano Jorge Álvarez, un dos DJ máis renomeados do momento, especializado en fusionar sons actuais con temas icónicos urbanos.

Xa o domingo, as carpas de degustación estarán abertas entre as 13.00 e as 16.00 horas, e a xornada comezará coa actuación da Escola de Acordeóns de Campelo. Como o sábado, os máis pequenos tamén disfrutarán de ludotecas, obradoiros e talleres infantís gratuítos ata as 17.00 horas, mentres os maiores pode gozar da sesión vermú coa música en directo do grupo Take it Easy. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o fin de festa correrá a cargo da orquestra Ritmo Joven, e dos fogos artificiais a partir das 21.30 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio