2023.
Destinarán o resto do préstamo que se adxudicou onte a comprar a antiga Gardería de Campelo e convertela no Centro de Día de Poio.
Quedan outros 500.000 euros en facturas pendentes e adiantou que nos orzamentos de 2024 van ter que incorporar partidas para seguir pagando débedas do tripartito: “Esta é a realidade”.
A corporación do Concello de Poio aprobou onte por unanimidade contratar un préstamo con Abanca por importe de 723.804,64 euros, ao ser a mellor oferta presentada. Segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes a maior parte destes cartos destinaranse a intentar saldar as débedas cos provedores e autónomos canto antes, a maior parte deles veciños do municipio, e o resto do préstamo utilizarase para comprar a antiga gardería de Campelo para convertela no Centro de Día de Poio.
“Seguramente a mediados de novembro seremos capaces, entre este préstamo e modificacións de crédito que estivemos facendo, de ter pagado entre 600 ou 700 mil euros desas débedas que deixou o Tripartito. Aínda así, van quedar preto de outros 500.000 euros en facturas sen pagar. E o 90% desas facturas pendentes son do exercicio anterior, e o resto, de partidas que deixaron esgotadas no mes de xuño”. A maiores desas facturas sen pagar, explicou que van quedar pendentes tamén obras para as que non se fixeron as modificacións correspondentes, “chapuzas que herdamos e que agora temos que abonar con moitos problemas. E aí están os informes técnicos para consultalos”.
Nesta liña, o alcalde valorou que para o novo Goberno “o máis fácil sería non pagar nin aos provedores nin aos autónomos e meter todas estas facturas na fiscalía, como fixeron outros concellos, pero esta decisión provocaría que estivese dous ou máis anos sen cobrar, ou que incluso non cobrasen. Pero neste goberno somos responsables con eles, e si solicitamos este préstamo é por coherencia, porque temos que pagar os pufos que deixou o Tripartito”. Unha coherencia que, pediu, “tamén debe manter a oposición votando a favor deste crédito, porque é para abonar, na súa maior parte, facturas que deixaron eles pendentes e, ademais, fixérono incumprindo todos os procedementos administrativos”.
Durante a súa intervención, Moldes recordou que falar da situación económica e das débedas do Concello de Poio non é unha desculpa. “É o punto do que partimos este novo Goberno e da situación que nos atopamos, e que está condicionando toda a nosa xestión”. É máis, recordou que incluso tiveron que facer modificacións de créditos para pagar os intereses dos préstamos solicitados polos tres alcaldes e para os que tampouco había cartos reservados para pagalos e adiantou que nos orzamentos de 2024 van ter que incorporar partidas para seguir pagando débedas do tripartito. “Esta é a realidade”.
Por último, e fronte a quen cuestiona a situación económica do concello, Moldes apuntou que ter que solicitar este préstamo demostra que o concello non ten ningunha solvencia económica. “A nós non nos fai falta ningunha empresa externa que audite e nos diga cal é a situación económica do concello. Para nós teñen validez os informes que elaboran deste os servizos municipais de tesourería ou da intervención. E o que din é bastante diferente ao que afirman desde a oposición”.
OUTROS PUNTOS DO PLENO
No pleno ordinario de outubro tamén se aprobou unha modificación de crédito para destinar 12.910,70 euros a reparar a cuberta e abrir ocos de ventilación no pavillón polideportivo do CEIP de Lourido, para dar resposta así a unha demanda persistente desde hai anos tanto desde os clubs e usuarios como do propio centro escolar. Unha actuación coa que se solucionarán os problemas de filtrado de augas, de condensación e de ventilación.
Ademais, delegouse ao Oral da Deputación de Pontevedra a xestión das multas e a recadación no departamento provincial.