ALUMNADO DOS COLEXIOS DE POIO, PROTAGONISTAS DA DECORACIÓN DAS ALDEAS DE NADAL

13/01/2024

2023.

Alumnado de todos os colexios do municipio levan unha semana traballando no pintado e decoración das casiñas de madeira que protagonizarán as Aldeas de Nadal, a aposta do novo Goberno para converter Poio nun lugar máxico durante estas festas. “Queremos que este Nadal sexa máxico en Poio, un Nadal único, con personalidade propia e moi participativo, pero sobre todo, unhas festas nas que os protagonistas absolutos sexan os máis pequenos, tanto na programación como, por suposto, tamén nos decorados das propias aldeas”, subliña o alcalde, Ángel Moldes, que xunto coa concelleira de Cultura e Educación visitou o CEIP de Viñas.

Por iso agradece a colaboración de todos os colexios, “que desde o primeiro momento apoiaron esta iniciativa e quixeron participar nela”, para ocuparse do pintado e decoración das casiñas de madeira que serán protagonistas dos espazos que o Concello de Poio vai habilitar en puntos emblemáticos de cada parroquia para gozar do Nadal. Así, as aldeas de Nadal estarán situadas no exterior do centro cultural Xaime Illa, en Raxó; na contorna dos muíños de Samieira; na contorna da igrexa de San Martiño; no adro de San Salvador; no parque de Lourido; na praza da Granxa, en Campelo; e na Praza da Chousa, en Combarro.

Para a montaxe de todas estas Aldeas de Nadal, desde o Concello de Poio apostouse pola participación de empresas locais, tanto carpinteiros para construír as propias casiñas como de empresas de xardinería para montar os decorados no exterior. “Quixemos contar con todos para devolver a ilusión por estas festas, pero tamén nun intento para dinamizar o comercio e a hostalaría cun concello máis atractivo e con programación para veciños e visitantes”, engade Moldes. De feito, a montaxe das aldeas xa comezou para ter todo a punto cara o sábado 2 de decembro, día no que Poio inaugura o seu Nadal Máxico.

Con respecto á programación do Nadal, a próxima semana darase información do contido e das actuacións de cada aldea de Nadal, así como da carpa que se instalará na Seca o venres 22, e que contará con obradoiros e actividades para a rapazada durante todas as festas. O alcalde insiste en que a súa proposta escapa da competición por ver quen coloca máis arcos de luz para apostar por un Nadal con contido, convertendo ás aldeas e lugares das parroquias en puntos de encontro para nenos e maiores cunha programación moi familiar.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio