A inauguración da programación e das Aldeas de Nadal será ás 18.30 horas na Praza do Mosteiro. Inclúe preto de 60 actuacións e actividades itinerantes para encher de maxia todo o municipio.
Alumnos da Asociación Juan XXIII serán protagonistas este sábado da inauguración do Nadal en Poio, xa que serán os encargados de acender a iluminación de todo o municipio.
Será ás 18.30 horas, na Praza do Mosteiro, e contará cunha grande festa na que se espera moita animación musical con D Due-Eventos, maquillaxe con brillantina e tatuaxes para a rapazada e presentación do espectáculo Bulelandia, inspirado en Charlie e a fábrica de Chocolate para ser o fío condutor de toda a imaxe, proposta escénica, vestiarios e contido destas festas. Ademais, repartirase tamén chocolate quente con rosca entre os asistentes, así como exemplares do calendario ilustrado do municipio.
A fundación Juan XXIII é unha entidade sen ánimo de lucro dedicada á promoción da inserción sociolaboral e mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade, e que conta con máis de 20 alumnos de Poio en todos os seus centros. O Concello de Poio ten asinado un convenio de colaboración con esta entidade para realizar tarefas de xardinería nas zonas verdes no municipio. “Desde o Goberno local somos conscientes da grande labor que están realizando para apoiar e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, e por iso queremos que protagonicen o acendido das luces de Nadal e, así, dar visibilidade á importante labor que desenvolven”, explica o alcalde, Ángel Moldes.
O sábado será o pistoletazo de saída ao Nadal de Poio, que ata o 6 de xaneiro ofrecerá preto de 60 actuacións e actividades itinerantes para encher de maxia todo o municipio. Hai sete Aldeas de Nadal situadas en todo o concello: na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño, mentres que a carpa Poio Máxico instalarase na Seca: “unha programación ambiciosa, participativa e de calidade para que toda a familia disfrute dun Nadal máxico e inesquecible en Poio”.
CAIXAS DA ILUSIÓN
Por outra banda, Moura Teatro e Os Queimatasas, dúas asociacións locais, únense de novo para impulsar a iniciativa solidaria “Caixas da Ilusión”, unha recollida de alimentos non perecedoiros para repartir entre as familias de Poio en situación de especial vulnerabilidade. Ata o 15 de decembro podedes atopar as caixas en distintos establecementos do municipio: en Raxó, no bar Ferreti; Samieira, estanco Rodiño e carnicería e alimentación Mary Taboada; Combarro, nas dúas igrexas, autoservicio Olga e froitería Almacén; San Xoán, Mercamáis Poio (Seara), CEIP Plurilingüe Isidora Riestra (mediante a ANPA San Xoán), Higiensec Tinturería Lavandería Poio e Café-Bar Aquelo; San Salvador, Mercamais Campelo, Aral Electrodomésticos (Tien21), Mercamás Porteliña e carnicería Abarca.