ALDEAS, MÚSICA E MOITA ANIMACIÓN NA INAUGURACIÓN DO NADAL DE POIO

13/01/2024

2023.

Poio inaugurou esta tarde o Nadal máis participativo, con máis personalidade e contido dos últimos anos. “Un Nadal de todos e para todos que consigue devolver a ilusión por estas festas en Poio”, sinalou o alcalde Ángel Moldes, durante a festa que organizaron esta tarde na Praza do Mosteiro para dar por inaugurada a programación. Non faltou a música na Fedelleneta Dj como tampouco o chocolate e a rosca de balde para nenos e maiores que asistiron á convocatoria, así como o esperado tren máxico e a iluminación de toda a fachada e contorna da Casa do Concello. Ao mesmo tempo, tamén quedaban inauguradas as sete Aldeas de Nadal que este ano, como gran novidade, se colocaron en lugares emblemáticos do municipio e nas que, ata o 6 de xaneiro, serán protagonistas da programación elaborada polo Concello de Poio que conta con máis de 50 propostas.

Durante a inauguración das festas, Moldes agradeceu de novo aos máis de corenta colectivos e entidades que colaboran “para dotar de moito contido e propostas atractivas estas festas”, así como a todos os escolares do concello que participaron na decoración das casas que forman parte das aldeas de Nadal. “Queríamos ofrecer un Nadal con personalidade propia, diferente e que permitise devolver a ilusión por estas festas, ofrecendo un concello máis atractivo para veciños e visitantes. E conseguímolo co apoio e participación de moitas persoas”. 

Animou a todos a gozar de toda a programación, a percorrer cada Aldea de Nadal e a carpa Poio Máxico que se instalará na Seca, “porque van ser os verdadeiros puntos de encontro para toda a familia”. Unhas ubicacións que, ademais das casas elaboradas por carpinteiros locais e pintadas polos nenos do municipio, tamén conta con outros elementos de decoración, iluminación e xardinería. 

A programación do Nadal de Poio continúa este luns, cun obradoiro de decoración de Nadal para todas as idades na Biblioteca Municipal, ás 16.30 horas, e o próximo sábado, 9 de decembro, o punto de encontro será na Aldea do Adro, en San Salvador. Comezará ás 16.30 horas co pasarrúas da Batuka Canecos e continuará coa Aldea Musical do Nadal de Nelson Quinteiro. A semana do 11 de decembro, a Fedelleneta do Nadal visitará todos os centros escolares de Poio.

Toda a programación de Nadal, que se estende ata o 6 de xaneiro, pódese consultar en concellopoio.gal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio