O alcalde de Poio, Ángel Moldes, mantivo esta mañá unha reunión con varios veciños e veciñas da Caeira co obxectivo de escoitar de primeira man as súas preocupacións ante os desvíos programados durante as obras de transformación da PO-308 na Avenida da Barca.
Durante o encontro, Moldes recoñeceu que este tipo de actuacións adoitan xerar molestias e inconvenientes no día a día, pero fixo un chamamento á paciencia e comprensión da cidadanía, subliñando que se trata dunha obra moi necesaria que terá un impacto positivo e duradeiro na calidade de vida de toda a veciñanza.
Con todo, comprometeuse a aproveitar o parón das obras durante as festas de Nadal para reforzar a sinalización na zona e, unha vez que se retomen os desvíos a partir do 12 de xaneiro, reforzar tamén a vixianza no lugar. Neste senso, o alcalde recordou que o plan de tráfico é un documento vivo que pode ir sufrindo modificacións para adaptalo en todo momento a minimizar as molestias entre a veciñanza.
O Concello de Poio reafirma así o seu compromiso de manter o diálogo coa veciñanza e de seguir traballando para que o desenvolvemento das obras se realice co menor impacto posible, sempre co obxectivo de mellorar a mobilidade e os espazos públicos do municipio.