Alba Cochón, Adriana Radeljo, Elia Millán, Minerva Sartal e Xabier Calvo, gañadores do concurso de carteis do San Xoán

29/05/2026

O deseño de Alba Cochón será a imaxe oficial da cartelería da festa que se celebra en xuño. O concelleiro de Festexos, Fran da Silva, destaca a importante participación, con preto de 500 traballos presentados.

O concurso de carteis do San Xoán organizado polo Concello de Poio xa ten gañadores. Na categoría A, de 5 a 6 anos, o gañador é Xabier Calvo Rodríguez; na categoría B, de 7 a 9 anos, o cartel elixido é de Minerva Sartal Rodríguez; na categoría C, para a rapazada de 10 a 12 anos, a proposta gañadora é a de Elia Millán Bugallo, que repite premio por segundo ano consecutivo; na categoría D, de 13 a 14 anos, o cartel gañador é o de Adriana Radeljo Núñez; mentres que na categoría E, para estudantes de 15 a 17 anos, gañou o debuxo de Alba Cochón Justo. De todos eles, o deseño elixido para ser a imaxe oficial da cartelería e promocionar as festas do San Xoán, que se celebra do 22 ao 27 de xuño, é o de Alba Cochón.

O concelleiro de Festexos, Fran da Silva, que presentou os deseños gañadores xunto á concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, destaca a importante participación, con preto de 500 traballos presentados. Así, agradeceu á cativada o seu esforzo e a calidade dos traballos, e aos centros de ensino que se involucrasen con un concurso que, engade, “pretende espertar a creatividade do alumnado e involucralo nunha das festas grandes do concello”.

Ademais dun agasallo conmemorativo e de ser a imaxe promocional das Festas de San Xoán, os gañadores tamén recibirán vales por importe de 500 euros para canxear nas librerías locais. Así, na categoría A, o vale será por importe de 60 euros, na categoría B, 80 euros, na categoría C 100 euros, na D 120 euros e na E, 140 euros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio