Aire de Mar organiza este domingo en Poio unha gala benéfica en apoio á rapazada con cancro e enfermidades raras

10/06/2026

Cos fondos recadados, a asociación organiza experiencias relacionadas co mar, co obxectivo de que os menores disfruten dunha xornada diferente, afastada dos tratamentos e das hospitalizacións. Inclúe as actuacións de Vides Novas, Banda da ESMU e do Grupo Xuvenil de Acordeóns no local da Comunidade de Montes de San Xoán, a partir das 19.00 horas.

A solidariedade volverá ser protagonista este domingo en Poio coa celebración dunha gala benéfica a favor da asociación Aire de Mar, unha entidade que traballa para mellorar o benestar emocional de nenos e nenas con cancro e enfermidades raras a través de experiencias relacionadas co mar.

O evento terá lugar este domingo 14 de xuño, ás 19.00 horas, no local da Comunidade de Montes de San Xoán, na Seca, e contará coas actuacións de Vides Novas, a Banda da ESMU de Poio e o Grupo Xuvenil dos Acordeóns de Campelo-Poio. As persoas que desexen colaborar poderán asistir á gala realizando un donativo voluntario á entrada, adquirindo o conto infantil “As aventuras de Coralita” ou a marioneta da protagonista do conto.

O alcalde, Ángel Moldes, participou esta mañá, xunto coa concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e a presidenta da asociación, Conchi Estévez, na presentación dunha Gala que permitirá recadar fondos para apoiar as actividades que desenvolve Aire de Mar para menores de todos os hospitais de Galicia. A asociación organiza travesías en barco, excursións e outras iniciativas marítimas co obxectivo de que os nenos e nenas poidan desfrutar dunha xornada diferente, afastada dos tratamentos, das consultas médicas e das hospitalizacións.

Segundo explica Conchi, Aire de Mar naceu da súa experiencia persoal, quen convive cunha enfermidade rara e decidiu transformar esa vivencia nun proxecto solidario destinado a acompañar e apoiar a outras familias que atravesan situacións similares.

A entidade utiliza o mar como ferramenta de apoio emocional e benestar, converténdoo nun espazo de ilusión, liberdade e esperanza para os pequenos pacientes. Entre as súas principais iniciativas destacan as saídas en barco, actividades recreativas vinculadas ao medio mariño e propostas especialmente deseñadas para ofrecer momentos de lecer e desconexión tanto aos menores como ás súas familias.

Ademais, a asociación desenvolve accións de sensibilización para dar visibilidade ao cancro infantil e ás enfermidades raras, promovendo actividades culturais, presentacións e eventos públicos que contribúen a incrementar o coñecemento social sobre estas realidades.

Aire de Mar tamén impulsa proxectos solidarios de recadación de fondos, como o conto infantil As aventuras de Coralita, cuxos beneficios permiten financiar iniciativas tan especiais como a viaxe de Nadal no Barco do Nadal pola ría de Vigo ou excursións ás Illas Cíes, experiencias que para estes nenos e nenas se converten en auténticas aventuras inesquecibles.

A asociación non presta asistencia sanitaria, senón que centra o seu labor en mellorar a calidade de vida e o benestar emocional dos menores mediante experiencias solidarias relacionadas co mar, ao tempo que promove accións de concienciación e apoio social.

Pola súa parte, Ángel Moldes destaca que a gala deste domingo representa “unha oportunidade para colaborar con esta causa e contribuír a que máis nenos e nenas con cancro e enfermidades raras poidan seguir desfrutando destas actividades que lles permiten escapar, aínda que sexa por unhas horas, da rutina dos tratamentos e descubrir novas experiencias cheas de ilusión”. Neste senso, recoñeceu que “Poio é un concello moi solidario, que promove e colabora con moitas iniciativas, polo que confía en que a resposta da cidadanía a un proxecto tan importante, sensible e necesario sexa moi positiva”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio