Adxudicadas a mellora do firme e da rede de pluviais en Ucha de Arriba cun prazo de execución de dous meses

22/09/2025

A actuación resolverá os problemas actuais de arrastres e inundacións nun vial con forte pendente e sen drenaxe. Esta obra súmase a outras intervencións en marcha en distintas parroquias, consolidando un ano histórico en investimentos para o municipio.

O Concello de Poio adxudicará esta semana, na Xunta de Goberno Local, a mellora do firme e recollida de pluvias na rúa Ucha de Arriba, na parroquia de San Xoán. A proposta da mesa de contratación é licitar as obras á empresa Marconsa por importe de 57.631,08 euros, por ser a que obtivo a puntuación máis alta durante o proceso de adxudicación. As obras contan cun prazo de execución de dous meses.

Esta actuación vaise executar con cargo ao plan Camiño rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e vai ofrecer unha solución ao importante estado de deterioro que nalgúns puntos sofre este vial, situado entre vivendas unifamiliares e terreos anexos a elas, cunha pendente moi pronunciada e sen rede de recollida de pluviais que provoca arrastres e inundacións con precipitacións intensas.

Así pois, o proxecto contempla a rehabilitación do firme, reasfaltando o pavimento existente mediante o aporte dunha capa media de 5 cm de mestura bituminosa en quente, gañando todo o espazo que se poida entre muros. Con respecto aos sistema de drenaxe, instalarase unha rede de pluviais en parte do tramo de actuación, principalmente na transición entre a zona rural e o núcleo de vivendas existentes. En total, proxéctase a instalación de 110 metros lineais de tubaxe PVC para drenaxe de augas pluviais, ademais da execución de tres pozos de rexistro que completen a rede. Para mellorar o funcionamento da rede e completar estas actuacións, instalaranse un total de cinco arquetas de sumidoiros para facilitar a labor da drenaxe lonxitudinal.

Con este proxecto, desde o Goberno local continúan a súa aposta pola mellora e o mantemento da rede de camiños municipais, con investimentos en todas as parroquias e desenvolvendo actuacións que, en moitos casos, levaban décadas comprometidas e non se executaron ata o de agora.

UN ANO HISTÓRICO DE INVESTIMENTOS EN POIO

Esta obra súmase a outras que o Concello de Poio ten en execución neste momento, como son a primeira fase da reurbanización da PO-308, no treito da Barca, unha obra que conta cun investimento de 1,6M€ para transformar e mellorar a accesibilidade e seguridade dunha das principais entradas a Poio; a senda peonil e carril bici entre Chancelas e Combarro, cun investimento de 450.000 euros; ou a mellora do saneamento e pluviais na Caeira, cun investimento de 72.026,00 euros a través dun convenio entre o Concello de Poio, a promotora Zoe Home e a Inmobiliaria Club de Tenis.

Neste senso, desde o Goberno local puntualizan que este ano vai ser histórico para Poio a nivel de investimentos, xa que só en 2025 o Concello de Poio conseguiu 12M€ en fondos doutras administracións para proxectos estratéxicos, fondos que se suman ao orzamento municipal e que conseguen consolidar a transformación do municipio. Así, ademais dos anteriores, recordan que as obras de recuperación da contorna e mellora da mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón comezan nas próximas semanas cun investimento de 668.000€, e fan mención á mellora da estrada provincial a Campelo, remodelación de parques e áreas infantís en todo o municipio, instalacións deportivas, impulso do polígono industrial de Fragamoreira, entre outros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio