Adxudicada a renovación do parque infantil de Lourido, que terá temática mariña, a Xogos Kompan

08/01/2026

A actuación permitirá renovar por completo a área infantil, incorporando unha temática inspirada na identidade costeira de Poio e creando un espazo de xogo seguro, accesible, atractivo e inclusivo. Mañá, venres 9, inaugurarase o Parque Cristóbal Colón, en Ánkar, con inchables, chocolate, música e animación.

O Concello de Poio, a través da Xunta de Goberno Local, vén de adxudicar o proxecto para renovar o parque infantil de Lourido, que contará cun deseño inspirado na temática mariña. A actuación será executada pola empresa Xogos Kompan, cun orzamento de 154.275 euros.

O obxectivo do Concello de Poio é ofrecer ás familias espacios lúdicos atractivos, inclusivos e de calidade. Así no Parque Costa Xiráldez, pola súa proximidade á costa, escolleuse unha temática mariña cun faro como eixo central do deseño, un símbolo moi frecuente na costa galega pero moi pouco utilizado en áreas de xogo infantís.

O proxecto contempla a substitución do pavimento e dos xogos existentes, que presentan un estado de deterioro elevado, instalando sete novos elementos e un valado de madeira. O faro incluirá tres tipos de tobogáns, con plataformas a diferentes alturas e accesos múltiples a través de rampas de escalada e rede túnel. Ademais, inclúe estacións de solo que aportan exploración cognitiva, xogo simbólico e experiencias sensoriais auditivas e táctiles. Un elemento de xogo adaptado para varias idades e inclusivo, para que o maior número de usuarios posible poida achegarse, permanecer e xogar con autonomía ou con asistencia.

Xunto ao faro, incluiranse tamén columpios con asentos normal, bebé e nido, este último deseñado para que poida ser accesible para nenos e nenas con mobilidade reducida. Outros elementos incorporados son xogos xiratorios, balancíns, camiños exploradores, muelles… todos eles con deseños mariños. Ademais, a reforma do parque manterá a tirolina actual.

Das tres empresas que presentaron súas propostas para executar a renovación do parque infantil, Xogos Kompan foi a mellor clasificada incluíndo unha rebaixa do prezo do contrato, unha ampliación do prazo de garantía da obra de 12 a 48 meses e do prazo para os equipamentos ofertados e instalados de 3 a 8 anos.

INAUGURACIÓN DO PARQUE DE CRISTÓBAL COLÓN, EN ÁNKAR

O Concello de Poio traballa na mellora das áreas de xogo infantil de todo o municipio, para ofrecer ás familias parques atractivos e diferenciados, parques temáticos para que xogar se converta nunha auténtica aventura.

Precisamente, mañá venres día 9 inaugurarase o Parque de Cristóbal Colón en Ánkar, cunha festa na que se inclúen inchables, música, chocolate e a animación de Javi Solla. Será a partir das 17.00 horas, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan.

Tanto a reforma do parque de Ánkar como o de Costa Xiráldez en Lourido forman parte do plan integral do Goberno local para modernizar e mellorar as áreas de xogo de Poio. Entre as intervencións máis destacadas inclúese a creación da primeira pista pump-track de Poio e a renovación do parque da Seca, a creación dunha pista multideportiva en Vilariño ou a recente consecución dos terreos para crear o primeiro parque infantil público en Samieira. Ademais, continúan realizándose tarefas de mantemento e mellora nas zonas de xogo de todo o municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio